De aquí a setembro, producirase un sismo cultural na Pobra do Brollón con actividades para todos os públicos, distintas localizacións e diversas disciplinas cunha importante presenza de mulleres artistas. É unha programación descentralizada e participativa que mestura actividades xa consolidadas con novas propostas.
A programación vai encamiñada a ‘fortalecer as redes comunitarias e tamén incidir no consumo local’ comenta Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón.
O rexedor recorda que ‘a axuda Territorio Cultura con fondos Next Generation, na que quedamos de terceiros clasificados entre 27 concellos, é un pulo ao noso xeito de entender a cultura e coloca á Pobra do Brollón na primeira plana cultural galega.’
Territorio Cultura é unha liña de subvencións xestionada pola Xunta de Galicia a través da Agadic, ao amparo do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation
Vellos coñecidos
A programación inclúe actividades que xa se viñan desenvolvendo na acción cultural guímara como son as ‘foliadas guímaras’ das que haberá unha o 23 de xuño en Abrence, outra o 5 de agosto en Eixón e dúas máis, os días 14 de xullo e 30 de agosto, aínda por determinar que se suman ás xa realizadas no presente 2023.
Tamén continuarán os ‘Xoves culturais (que non sempre son xoves)’ cunha conversa o día 29 de xuño entre as poetas Olga Novo e María Sánchez acerca da poética do abandono da aldea e o papel da muller no mundo rural. O xoves 6 de xullo Emilio Rúa dará un concerto íntimo, ao que seguirán actividades por determinar nos vindeiros xoves.
O Ciclo Mestre Mateo tamén volve a terras guímaras coa proxección de Life is Life o día 18 de xuño e o filme de animación Valentina o 2 de xullo. O ciclo continuará a partir de setembro. Fóra do Ciclo, tamén está prevista a proxección de O último de Arganeo do chantadino David Vázquez o 25 de xuño.
Asemade continúan os obradoiros de brindos iniciados este ano a través da achega Territorio Cultura. Os seguintes serán o día 3 de xuño no Furancho O Currio e 4 de agosto na Parrillada O Fogón. Os obradoiros terán continuidade o resto do ano nos outros establecementos do municipio.
Grandes novidades
O brindo terá tamén un gran protagonismo nunha das grandes novidades como é o ‘Brindadeira. Festival de improvisación oral’ que terá lugar a fin de semana do 22 e 23 de xullo na parroquia de Ferreiros, onde se sitúa Forgas, aldea dos últimos brindeiros.
O festival terá obradoiros, mostras, mesas redondas, presentacións de libros, andainas e concertos e ademais do brindo haberá presenza do free style, o bertsolarismo de Euskal Herria e a regueifa, con cabida por suposto para a música tradicional e o romance.
Outra das novidades é o ‘Ciclo Novas Músicas Galegas’ onde se dará presenza a propostas novas e femininas do panorama musical galego. Catuxa Salom será a encargada de abrir o ciclo o día 1 de xullo cos seus ritmos galaico-latinos. Será seguida de Faia que traerá a súa música delicada e intimista o día 16 de xullo. Xa en agosto será a quenda de Su Garrido o día 14 de agosto, para que o 17 sexa Mounqup a encargada de pechar coa súa elegante proposta de base electrónica.
Eventos en espazos patrimoniais
Dende a programación sempre se buscan localizacións que descentralicen a oferta cultural, mais hai dúas actividades que se desenvolverán en lugares destacados. A romaría do Castro de San Lourenzo, o día 10 de agosto, é unha delas e este ano contará con dotación da subvención Territorio Cultura.
Asemade, unha actividade musical e audiovisual terá lugar no espazo das adegas medievais de Vilachá o sábado 29 de xullo no marco do Festival 17º Ribeira Sacra.
Ademais, o sábado 17 de xuño outra actividade terá lugar nese mesmo espazo no marco do proxecto ‘Lugares Vivos’, pertencente á liña de activación cultural en zonas non urbanas Territorio Cultura.
Aínda máis actividades
Outros eventos que se realizarán este ano serán a II Convivencia Poética do Furancho O Currio que contará cun vermú artístico o día 4 de xuño, promovido polo propio furancho; o concerto de Davide Salvado o día 10 de xuño co financiamento de Vicepresidencia da Deputación de Lugo ou a celebración do Orgullo LGTBI+ ‘Terras diversas: Orgulho na Terra de Lemos’ organizado con Sete Outeiros, o venres 30 de xuño.
Os mercados circulares, iniciativa xurdida o ano pasado, volverán o 11 de xuño día de feira, para seguir todo o verán. O 25 de xuño, no marco destes mercados terá lugar o espectáculo de rúa Jano sen Medidas para público familiar.
Ao longo do verán haberá tamén unha serie de obradoiros infantís matutinos, para estender a programación aos máis pequenos.
A maiores, a Semana Cultural de Salcedo contará con actividades tamén financiadas a través da subvención Territorio Cultura.
Os clásicos da Guimaralia
As datas das grandes actividades estivais da Pobra do Brollón están xa tamén marcadas. Neste sentido, a Feira Guímara será o próximo sábado 8 de xullo, a Romaría do San Vitoiro a fin de semana do 26 e 27 de agosto e xa como peche do verán, o Festival das Cores do Outono a fin de semana do 23 e 24 de setembro.
Para non perderse
A xeito de guía e para ir reservando as datas, o Concello da Pobra do Brollón publica un cartel con todas as actividades. Ademais, irá publicando a información individualizada dos eventos a medida que se vaian achegando e porá a disposición da veciñanza un calendario dixital na súa web para poder ir consultado estas e novas actividades que poidan xurdir.