DEVESA DE LOUREIRO E SEQUEIROS DO MAZO

DEVESA DE LOUREIRO

Espazo Natural Protexido Os Ancares-O Courel (LIC ES1120001).

A devesa de Loureiro está situada na confluencia das parroquias de Salcedo, Parada dos Montes e Lamaigrexa. De relevo irregular e accidentado, atópase entre os 450 e os 600 m. de altitude, á beira do río Loureiro (afluente do río Lor).

Estamos ante unha formación boscosa característica do clima atlántico, está orientada ao norte e rodeada por un ambiente sombrío e húmido que fai que estea poboada principalmente por árbores caducifolias e multitude de especies herbáceas e arbustivas. Ademais do interese natural e paisaxístico que lle outorgan estas características, goza doutros recursos ligados ao carácter cultural e etnográfico, xa que esta devesa proporcionaba combustible á Ferrería de Loureiro, da que aínda quedan vestixios (casa da Ferrería, capela, antigo muíño, partes da presa,…).

 

 

SEQUEIROS DO MAZO

Localizados nos lindes dos municipios de A Pobra do Brollón e O Courel e situados no souto do Mazo, atopamos os que se coñecen como Sequeiros ou Cabanas do Mazo, configuran unha importante concentración de 12 sequeiros e 6 cabanas, pequenas edificaciones con dúas plantas, construídas con pedra e madeira.

Os Sequeiros empregábanse para secar as castañas, na planta baixa facíase o lume e na planta alta colocábanse as castañas estendidas para que secasen. No caso das cabanas, na planta baixa gardábanse as cabras e na planta alta a herba que se lles daría para comer.

 

Descargar máis información do recurso (PDF)

Devesa Loureiro - Sequeiros de Mazo