VISITAS GUIADAS VERÁN 2020
Dende o Concello da Pobra do Brollón ofrecemos visitas guiadas en xullo e agosto a Cova das Choias, Vilachá de Salvadur (adegas tradicionais e Os Conventos) e o Castro de San Lourenzo. Preme aquí para máis información.
A Cova das Choias atópase en Biduedo, na parroquia de Óutara. A cova é unha gruta de orixe natural, un dos espazos máis singulares da comarca de Lemos. É posible que na época romana a gruta se alterara pola man do home para a extracción do mineral do ferro. Sábese do seu aproveitamento intensivo, sobre todo nos séculos XVI e XVII, abastecendo ás ferrerías da comarca, principalmente á desaparecida ferrería de Biduedo.
Na actualidade a cavidade ten unha extraordinaria riqueza natural en situación vulnerable: o musgo luminiscente e unha poboación de diferentes comunidades de morcegos única en Galicia. O musgo que lle confire a cor verde á cavidade ten como peculiaridade que conta cuns filamentos que reflexan a luz verde esmeralda, producindo a ilusión visual de luminiscencia. A presenza deste musgo na Península Ibérica está documentada nunha ducia de localizacións. Pola fraxilidade dos hábitats que ocupa, esta especie está incluida no Catálogo Galego de Especies Ameazadas como especie vulnerable. Nunca o debemos extraer nin pisar para garantir as condicións de escuridade e humidade necesarias e que o poidan seguir admirando as xeracións futuras.
E por outra banda as aves que a habitan. A cova recibe o seu nome, as Choias, pola presenza destes paxaros da familia dos córvidos, que tradicionalmente ocupaban a cavidade, hai uns anos pensouse que desapareceran, pero as medidas tomadas para a conservación das diferentes especies fan que hoxe poidamos volver a ver as choias. A cavidade está habitada tamén por distintas especies de morcego, destaca o morcego cova que ten aquí a colonia máis grande coñecida en Galicia e os morcegos de ferradura grandes que ocupan a cova no outono. Estas especies están en situación vulnerable e a simple presenza humana pode resultar nefasta para a conservación destas colonias.
Pode accederse á cova por unha grande entrada de máis de 30 metros de alto. As cavidades forman 3 niveis que supoñen máis de 200 metros de percorrido con diversas galerías sen saída, ademais das galerías artificiais para a extracción do ferro. O acceso á cova somentes está permitido nas visitas guiadas que se organizan desde o concello. Só se pode acceder á entrada principal da cova, xa que sen coñecementos en espeleoloxía o acceso ás grutas é perigoso.