O 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, é unha cita histórica e colectiva na que participa, por suposto, o Concello da Pobra do Brollón, para lembrar a nosa responsabilidade e actuar como motor de cambio e transformación cara a unha sociedade máis xusta, libre de violencias machistas, libre de todo tipo de violencia!
En concreto, é o noso deber sensibilizar de que a violencia machista se produce en todos os ámbitos e en todos os estratos sociais, con independencia da orixe socioeconómica. Ao longo destes anos conseguimos avanzar en canto a concienciación social e hoxe podemos dicir que se xerou o rexeitamento e o repudio da maioría da sociedade cara a esas condutas violentas. No entanto, queda moito por avanzar e é indubidable que nese avance o papel das administración local resulta crucial. Dende o Concello da Pobra do Brollón marcámonos o reto de intervir desde a prevención, coa finalidade de transformar a contorna, e desde a reparación para pór no centro a atención ás necesidades da vítima. Pero, veciñas e vecinos, é o traballo colectivo o que cimentará a construción dun presente no que ningunha muller sexa vítima desta violencia, é o compromiso activo o que porá fin a esas actitudes patriarcais.
Dúas mulleres asasinadas, 472 sentenzas condenatorias, 3.454 denuncias e 972 ordes de protección. Esta é a realidade en cifras de Galiza no que levamos deste ano 2024. Calquera tipo de sociedade ten que ser incompatible cunha situación de criminalidade constante contra as mulleres. É importante, dende a pequena comunidade que formamos a veciñanza deste concello, ser conscientes deste escenario para non escatimar no esforzo e no compromiso de erradicar as violencias machistas.