O Concello da Pobra do Brollón apostou pola educación en igualdade para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Como parte das actividades municipais polo 25-N, entregouse a cada estudante do CEIP A Pobra do Brollón un xogo didáctico de Os Bolechas que traballa a igualdade de xénero de xeito lúdico e con contidos específicos adaptados ao municipio.
O alcalde Xosé Lois Maceda, a concelleira Xosefa Rodríguez e o concelleiro Ricardo Rodicio, e mais a educadora familiar Mónica Carballo repartiron os xogos onte á mañá no colexio.
O alcalde Xosé Lois Maceda aproveitou para agradecer ao profesorado pola súa “labor vital na educación e sensibilización das persoas que van dirixir o futuro da nosa sociedade”.
A iniciativa prodúcese grazas a colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade.
Os nenos e nenas residentes na Pobra do Brollón e que non asistan ao colexio no municipio, poden recoller un xogo na Biblioteca municipal (na Casa da Cultura).
En negro contra as violencias
Antes de visitar o colexio, membros da corporación e traballadores do concello concentráronse diante da Casa do Concello para gardar un minuto de silencio polas vítimas da violencia machista e manifestar o seu rexeitamento de calquera tipo de violencia de xénero.
O acto incluíu a lectura dun manifesto e lucíronse carteis e material gráfico da campaña ‘En negro contra as violencias’, na que participa o Concello da Pobra do Brollón por segundo ano consecutivo a través da Deputación de Lugo.
A lectura do manifesto foi a cargo do alcalde Xosé Lois Maceda, non sen antes salientar a “importancia do traballo no día a día e dos feitos antes que os actos na loita e na concienciación fronte á violencia machista”.