Música e toponimia esta Semana Santa en colaboración coa Asociación veciñal de Saa

Música e toponimia esta Semana Santa en colaboración coa Asociación veciñal de Saa

21 Marzo 2024/concello/Cultura

ACTUALIZACIÓN 28/3/2024 O 'safari de toponimia' programado para o domingo queda posposto por meteoroloxía. A programación do sábado mantense.


O Concello da Pobra do Brollón en colaboración coa Asociación veciñal de Saa organiza unha programación cultural para o sábado e domingo de Semana Santa.

O sábado 30, haberá presentación do libro A música dos Valladares. Retratos de familia (Ed.Galaxia), do estradense Pablo Bernárdez e con ilustracións de Hortensia Fernández, oriúnda de Saa.

A música dos Valladares recompila textos musicais de distintos estilos e procedencias que pertenceron a varios membros da familia Valladares Núñez (Marcial, Avelina e Serxio) da Casa Grande de Vilancosta, en Berres (A Estrada). O libro recolle máis de cen anos de historia musical a través de textos alusivos á biografía da familia, asociados cada un a unha peza musical e a unha ilustración.

Tras a presentación do libro haberá un concerto de Proxecto Valladares que dará paso á foliada. Ofrecerase aos asistentes un caldo, para o que dende a organización se anima a levar cunca e culler. O evento será a partir das 20:00h no local social de Saa (https://maps.app.goo.gl/UchkCtyHEbxZM3Nw9)

O domingo 31, organízase un "safari de toponimia", cun paseo pola parroquia para recoller nomes de lugares e rexistralos na plataforma Galicia Nomeada. O paseo iniciarase ás 11:30 no local social de Saa.



RELACIONADO