A Feira do Viño de Vilachá celebra a súa edición número 31 a primeira fin de semana de maio no conxunto de adegas medievais da Abelaira, parroquia de Vilachá de Salvadur, concello da Pobra do Brollón.
Tras ampliar un día máis a feira o ano pasado, nesta edición novamente a feira durará tres días, dende o venres 3 ata o domingo 5 de maio.
Tamén se mantén outro dos cambios dos últimos anos: a creación de dous circuítos, un de colleiteiros e outro de adegas.
As propostas do ‘circuíto adegas’ poden estar radicadas ou non no Concello, pero si deben posuír viñas na ribeira de Vilachá. Participarán este ano sete adegas: Acivro, Adega Vella, Bico de Lagar, Adega Curuxo, Adega Sernande, Tolo do Xisto e Val do Frade.
O ‘circuíto colleiteiros’ define unha ribeira, a de Vilachá, que aínda conserva un sistema produtivo bastante tradicional. Como o ano pasado, os colleiteiros deberán certificar a seguridade dos viños ofrecidos mediante as correspondentes analíticas e certificacións. Nesta edición haberá dez colleiteiros: Al-De, Aridas, Beatus Ille, Couso, Fidalgo, José Rodríguez López, Morales, Outeiro, Os Conventos e Pedro.
Os colleiteiros participantes poderán optar polo premio do xurado e do público. Haberá un posto onde se facilitará aos público as tarxetas de votación, que deberán ir seladas por ao menos oito dos dez colleiteiros para poder emitir o voto.
Como convidadas, participan a adega A Carqueixa e a Asociación das IXP (Indicacións Xeográficas Protexidas) de Viños de Galicia.
As adegas e colleiteiros participantes estarán identificados con letreiros da organización. Os que non posúan letreiro da organización, non forman parte de ningún circuíto.
Dúas catas diferentes e unha cata-concurso
A edición 31 da Feira do Viño de Vilachá contempla dúas catas diferentes, e mais unha cata-concurso. A primeira será unha cata ambulante musical, guiada por Juanjo Figueroa, músico e presidente da Asociación Galega de Sumilleres, e o músico local e viticultor Suso 40. Esta cata circulará o venres a partir das 21:00h polo ‘circuíto adegas’, degustando un total de sete viños. O prezo serán vinte euros que inclúen a copa da Feira.
A segunda cata é o sábado ás 13:00h e dedicarase aos viños das Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia. Será guiada por Martiño Santos e Xosé Gontá, responsables da vinoteca compostelá Vide, vide!. Inclúe cinco viños e ten un prezo de 15€, que inclúen a copa da feira. Tanto para esta cata como para a do venres, é preciso inscribirse no teléfono 650624828, preferentemente por WhatsApp. Prégase puntualidade aos inscritos.
O domingo ás 19:00h rematará a Feira cunha cata-concurso na que o xurado probará e comentará os viños do circuíto de colleiteiros para elixir o gañador do premio do xurado.
Alimentar o corpo e o espírito
Como todos os anos na Feira do Viño de Vilachá, a música estará sempre moi presente. Tanto sábado como domingo, a Feira estará animada por grupos de cantos de taberna. Participan nesta edición catorce grupos que circularán polas adegas ao longo de ambas xornadas.
No pregón, a cargo de Juanjo Figueroa, presidente da Asociación Galega de Sumilleres, tamén actuará a Escola de Música Samoeiro. O pregón será o domingo ás 13:00 no palco da festa da Abelaira.
Ademais de gozar da música e do viño, haberá varias propostas gastronómicas. Ao igual que outros anos, instalaranse postos de polbo tanto sábado como domingo. A maiores, haberá postos variados (embutidos, queixos, xeados...) e varias adegas levarán opcións culinarias. Adega Pedro terá un posto de callos na noite do venres. Adega Couso tamén ofrecerá empanadas e doces á venda.
Este ano dende a área de Servizos Sociais do Concello tamén se poñerá un Punto Violeta para ofrecer información, acompañamento e apoio en relación a calquera tipo de agresión machista.
Toda a información da Feira do Viño de Vilachá pódese consultar nas redes sociais e web do Concello da Pobra do Brollón (www.concellodapobradobrollon.gal).