La XXXI Feira do Viño de Vilachá se celebrará el primer fin de semana de mayo

La XXXI Feira do Viño de Vilachá se celebrará el primer fin de semana de mayo

16 Abril 2024/concello/Cultura
  • A Feira celebrarase tres días seguidos, dende o venres 3 ata domingo 5
  • Entre a programación, unha cata musicada e outra das IXP de Galicia

A Feira do Viño de Vilachá celebra a súa edición número 31 a primeira fin de semana de maio no conxunto de adegas medievais da Abelaira, parroquia de Vilachá de Salvadur, concello da Pobra do Brollón.

Tras ampliar un día máis a feira o ano pasado, nesta edición novamente a feira durará tres días, dende o venres 3 ata o domingo 5 de maio.

Tamén se mantén outro dos cambios dos últimos anos: a creación de dous circuítos, un de colleiteiros e outro de adegas. 

As propostas do ‘circuíto adegas’ poden estar radicadas ou non no Concello, pero si deben posuír viñas na ribeira de Vilachá. Participarán este ano sete adegas: Acivro, Adega Vella, Bico de Lagar, Adega Curuxo, Adega Sernande, Tolo do Xisto e Val do Frade.

O ‘circuíto colleiteiros’ define unha ribeira, a de Vilachá, que aínda conserva un sistema produtivo bastante tradicional. Como o ano pasado, os colleiteiros deberán certificar a seguridade dos viños ofrecidos mediante as correspondentes analíticas e certificacións. Nesta edición haberá dez colleiteiros: Al-De, Aridas, Beatus Ille, Couso, Fidalgo, José Rodríguez López, Morales, Outeiro, Os Conventos e Pedro.

Os colleiteiros participantes poderán optar polo premio do xurado e do público. Haberá un posto onde se facilitará aos público as tarxetas de votación, que deberán ir seladas por ao menos oito dos dez colleiteiros para poder emitir o voto. 

Como convidadas, participan a adega A Carqueixa e a Asociación das IXP (Indicacións Xeográficas Protexidas) de Viños de Galicia.

As adegas e colleiteiros participantes estarán identificados con letreiros da organización. Os que non posúan letreiro da organización, non forman parte de ningún circuíto.

Dúas catas diferentes e unha cata-concurso

A edición 31 da Feira do Viño de Vilachá contempla dúas catas diferentes, e mais unha cata-concurso. A primeira será unha cata ambulante musical, guiada por Juanjo Figueroa, músico e presidente da Asociación Galega de Sumilleres, e o músico local e viticultor Suso 40. Esta cata circulará o venres a partir das 21:00h polo ‘circuíto adegas’, degustando un total de sete viños. O prezo serán vinte euros que inclúen a copa da Feira.

A segunda cata é o sábado ás 13:00h e dedicarase aos viños das Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia. Será guiada por Martiño Santos e Xosé Gontá, responsables da vinoteca compostelá Vide, vide!. Inclúe cinco viños e ten un prezo de 15€, que inclúen a copa da feira. Tanto para esta cata como para a do venres, é preciso inscribirse no teléfono 650624828, preferentemente por WhatsApp. Prégase puntualidade aos inscritos.

O domingo ás 19:00h rematará a Feira cunha cata-concurso na que o xurado probará e comentará os viños do circuíto de colleiteiros para elixir o gañador do premio do xurado.

Alimentar o corpo e o espírito

Como todos os anos na Feira do Viño de Vilachá, a música estará sempre moi presente. Tanto sábado como domingo, a Feira estará animada por grupos de cantos de taberna. Participan nesta edición catorce grupos que circularán polas adegas ao longo de ambas xornadas.

No pregón, a cargo de Juanjo Figueroa, presidente da Asociación Galega de Sumilleres, tamén actuará a Escola de Música Samoeiro. O pregón será o domingo ás 13:00 no palco da festa da Abelaira. 

Ademais de gozar da música e do viño, haberá varias propostas gastronómicas. Ao igual que outros anos, instalaranse postos de polbo tanto sábado como domingo. A maiores, haberá postos variados (embutidos, queixos, xeados...) e varias adegas levarán opcións culinarias. Adega Pedro terá un posto de callos na noite do venres. Adega Couso tamén ofrecerá empanadas e doces á venda.

Este ano dende a área de Servizos Sociais do Concello tamén se poñerá un Punto Violeta para ofrecer información, acompañamento e apoio en relación a calquera tipo de agresión machista. 

Toda a información da Feira do Viño de Vilachá pódese consultar nas redes sociai e web do Concello da Pobra do Brollón (www.concellodapobradobrollon.gal).

 



RELACIONADO