A Pobra do Brollón, protagonista das XV xornadas do Camiño de Inverno pola Ribeira Sacra

A Pobra do Brollón, protagonista das XV xornadas do Camiño de Inverno pola Ribeira Sacra

01 Setembro 2018/concello/Xeral

As actividades desenvolveranse na fin de semana do 15 e 16 de setembro e para participar delas poden inscribirse antes do xoves 13 de setembro. Establécense diferentes opcións para participar, os dous días teñen un prezo de 25€, un día 20€ e un día sen xantar 15€. 

A xornada do día 15 comezará ás 16.30 coa saída en autobús desde Monforte a Vilachá de Salvadur, onde se iniciará un percorrido  a pé entre os socalcos baixando ata Augas Mestas con regreso a Vilachá (8 quilómetros). Ás 19.30 serán recibidos en Vilachá polo alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda. Farase visita ás adegas, e degustación de viño e produtos da terra amenizada co Cantar de Cego sobre Atilano. O regreso a Monforte está previsto para as 21.00.

O día 16 a saída do autobús de Monforte será ás 9.00 da mañá, trasladarase ata Barxa de Lor onde se iniciará un percorrido a pé polo Camiño de Inverno entre Barxa de Lor e Cereixa. Ás 11.00 visitarase o pavillón municipal para ver as instalación postas en funcionamento polo concello como albergue solidario provisional. Ás 13.00 farase visita guiada ao Castro de San Lourenzo cos responsables do equipo de escavación que traballa no Castro. Despois do xantar, ás 16.30 visitarase a Mina da Veneira de Roques.

No acto de presentación o alcalde, Xosé Lois Maceda, destacou que o concello estará ao carón de todas as iniciativas orientadas a potenciar o camiño. Asegurou que a intención do equipo de goberno era mellorar a ruta do Camiño ao seu paso polo municipio, sobre todo despoiis de que se teña acadado a oficialidade do Camiño. Segundo Xosé Lois Maceda o turismo é un pilar fundamental para o concello da Pobra. Xunto coa agrogandaría e o sector forestal, o turismo estase convertendo nun importante dinamizador do municipio e nesa liña queren seguir. “No referido ao Camiño de Inverno e á marca Ribeira Sacra, os políticos non podemos mirar para outro lado”, afirma o alcalde. Neste senso o concello da Pobra céntrase agora en conseguir a cesión do cuartel da Garda Civil para utilízalo como centros de usos múltiples con destino a un albergue, entre outros servizos; e en tentar consolidar o tramo do Camiño entre A Pobra e Cereixa. “Cremos no Camiño, apostamos por el e consideramos que todas as administracións se deberían implicar” afirmaba o alcalde, que aproveitou a presentación para facer un recoñecemento público do traballo de Aida Menéndez polo Camiño. 

Pola súa banda a Presidenta da Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, Aida Menéndez, felicitou ao alcalde pola apertura do albergue provisional solidario no pavillón do concello e insistiu na importancia de xornadas como estas para impulsar os recursos turísticos do diferentes municipios do Camiño.

Para inscribirse nas xornadas poden facelo a través do concello ou da web da asociación, á que poden acceder desde a páxina de inicio da web do concello. Ademais do concello colabora nestas xornadas a Asociación de Veciños María Castaña e o Castro de San Lourenzo.



RELACIONADO