O festival de improvisación oral Brindadeira celébrase esta fin de semana

O festival de improvisación oral Brindadeira celébrase esta fin de semana

18 Xullo 2023/concello/Cultura

Cartel do programa

Información práctica sobre transporte, aloxamento e comer/beber

Este sábado 22 e domingo 23 celébrase a primeira edición de Brindadeirafestival de improvisación oral na parroquia de Ferreiros, A Pobra do Brollón.

O festival é impulsado polo goberno municipal para recuperar a tradición do ‘brindo’, un xénero de improvisación oral cantada propio de terras da Pobra do Brollón.

Con este obxectivo, dende xaneiro estase a realizar unha serie de obradoiros de brindo a cargo de Sara Marchena, Alba María, Lorena Medela e Nuria Penas, todas integrantes do colectivo Erre que Erre.

En Brindadeira elas farán unha demostración de brindo xunto con algúns alumnos dos obradoiros, no que será o momento central do festival o sábado a partir das 20:00 h.

Ademais de brindo, o público poderá escoitar a Uxue Alberdi e Miren Amuriza, máximas representantes da xeración actual de improvisadoras de bertso, con tradución en directo de Danele Sarriugarte. Tamén haberá unha demostración de regueifa a cargo dos míticos O Caruncho e Os d’Herbón

Tras os espectáculos de improvisación, comezarán os concertos a cargo de artistas que beben da improvisación e da palabra cantada. Primeiro, Aldaolado e despois High Paw xunto con O Rabelo. A actividade do sábado rematará con pinchada de Um sincero pinchacumbias.

Unha programación moi completa arredor da tradición oral

Brindadeira comeza o sábado 22 ás 13:00 h co ‘vermú consonni’ na Casa da Cultura ‘Olga Novo’, sendo esta a única actividade localizada na capitalidade da Pobra do Brollón. Neste evento presentarase a editorial independente consonni, radicada en Bilbao pero con raíces na parroquia guímara de Saa. O acto contará cunha parte performativa a cargo do músico Lois Prado, acompañando varios textos da editorial e mollado cun vermú.

A programación continuará xa en Ferreiros ás 17:00 h con obradoiros infantil e adultos de brindos. Para participar é preciso anotarse no teléfono 650624828 (preferentemente por WhatsApp). 

Ás 18:00 h haberá unha mesa redonda sobre oralidade, tradición e feminismo a cargo das bertsolaris e escritoras Uxue Alberdi e Miren Amuriza. Esta actividade dará paso aos espectáculos de improvisación e concertos xa mencionados.

Domingo de roteiro e romances

A programación do domingo 23 de Brindadeira comeza ás 11:00 cun paseo pola aldea de Ferreiros da man das veciñas, seguido dunha sesión de vermú musical. No vermú participarán unha ducia de artistas locais e achegadas para interpretar músicas tradicionais recollidas en Ferreiros, así como unha sesión de romances guímaros arredor de historias da tradición oral de todo o territorio da Pobra do Brollón.

O festival Brindadeira está financiado a través da subvención Territorio Cultura, xestionada pola Xunta de Galicia a través da Agadic, ao amparo do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation.



RELACIONADO