O Concello da Pobra do Brollón creará un centro da xuventude en cooperación coa Deputación de Lugo

O Concello da Pobra do Brollón creará un centro da xuventude en cooperación coa Deputación de Lugo

19 Maio 2023/concello/Xeral

O Concello da Pobra do Brollón e a Deputación de Lugo asinaron a principios de maio un convenio interadministrativo de cooperación para acondicionar a antiga vivenda do conserxe como centro sociocultural da xuventude na anualidade 2023. 

O proxecto, pendente de licitación, será financiado nun 95% pola Deputación de Lugo e o restante 5% polo Concello da Pobra do Brollón. A iniciativa responde ás demandas da xuventude da Pobra do Brollón, posibilitando un espazo seguro e acolledor onde os veciños e veciñas máis novas poidan xuntarse e compartir intereses.

Talleres educativos, debates, actividades culturais que fomenten a creatividade e actividades lúdicas que favorezan a relación entre os mozos son tan só algunhas das ideas de uso para o futuro centro. En todo caso, serán os propios usuarios os que finalmente definirán as actividades a desenvolver, co obxectivo de que participen activamente na comunidade.

A antiga vivenda onde se situará o centro da xuventude actualmente está en desuso, polo que o proxecto permite optimizar recursos do Concello, recuperando unha edificación infrautilizada. 

O edificio sitúase nun conxunto de edificacións que formaban parte do complexo escolar, e que nos últimos anos o Concello da Pobra do Brollón está a acondicionar con diferentes equipamentos, como son o pavillón municipal, o novo albergue, a Escola municipal de Música e seis vivendas de aluguer social. 


A antiga vivenda do conserxe, xunto ás vivendas sociais e o CEIP A Pobra do Brollón



RELACIONADO