As melloras das estradas provinciais fináncianse cos cartos de todos os veciños da provincia de Lugo

Obras na estrada de Vilachá

As melloras das estradas provinciais fináncianse cos cartos de todos os veciños da provincia de Lugo

21 Setembro 2018/concello/Xeral

Así o lembraban hoxe na Pobra do Brollón o alcalde do concello, Xosé Lois Maceda e os deputados nacionalistas Antón Veiga e Xosé Ferreiro ante a campaña de anuncios de obras en estradas provinciais que está desenvolvendo o goberno socialista da Deputación.

O Plan extraordinario de rehabilitación de firmes de vías provinciais 2017-2019 aprobouse en xullo do 2017 co consenso de BNG, PP e PSOE. Naquel momento déuselle ao plan unha dotación económica de 15 millóns de euros e creouse unha comisión de seguemento para velar polo adecuado desenvolvemento do plan.

Con estes antecendentes, as distintas administracións locais foron propoñendo á Deputación, as estradas nas que actuar nos respectivos concellos. Así no caso do concello da Pobra do Brollón as propostas do goberno municipal foron mellorar as estradas LU-P-4702, que vai de Vilachá por Rozabales á Estación da Pobra do Brollón, (dos puntos quilométricos 0 a 1,2); a LU-P- 4703, que vai da LU-652 a Santalla de Reiá LU-653 (puntos quilométricos 4,6 a 6,8); a LU-P-4707, que vai da Pobra do Brollón por Saa, á Veneira de Roques (puntos quilométricos 1 a 2,8); e a LU-P-4710 da LU-P-4701 Salcedo á Estación da Pobra do Brollón (LU-933), (do punto quilométrico 2,2 a 4,8).

Estas foron as estradas propostas polo equipo de goberno da Pobra para mellorar a través do plan extraordinario. Obras necesarias para a veciñanza da Pobra do Brollón e que os propios veciños pagan cos seus impostos, segundo sinala Xosé Lois Maceda, polo que considera “é de xustiza que ese cartos revirtan na Pobra do Brollón”. Non entenden os nacionalistas que ante esta realidade, o PSOE se dedique a facer autobombo coa mellora das estradas provinciais nos diferentes concellos. Lembran que existe a posibilidade de convocar a comisión de seguemento ante a xestión pública que están facendo os socialistas cos anuncios destas obras. Pero considera o BNG que non debería de ser necesario chegar a isto, tendo en conta a realidade, “O plan aprobouse por unanimidade e as obras a desenvolver propuxéronse desde o goberno municipal en base ás necesidades da veciñanza”, apunta Xosé Lois Maceda. Para as melloras viarias no concello da Pobra do Brollón destínanse 370.000 euros a través deste plan, “cartos que son dos veciños da Pobra do Brollón e non dos socialistas como parecen suxerir desde o PSOE nas súas intervencións públicas ao respecto destas melloras viarias”, sinalan os deputados do BNG, Antón Veiga e Xosé Ferreiro.



RELACIONADO