O Goberno de España decretou este sábado o estado de alarma por un período de 15 días para facer fronte á expansión do coronavirus COVID-19. Aquí facemos un resumo do contido do decreto. Podes consultar o texto enteiro publicado no BOE.
O Goberno central asume o mando único de todo o territorio español. O cumprimento das medidas do decreto será asegurado polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e pola Policía autonómica e local, que quedan baixo as ordes directas do ministro do Interior.
Unha das medidas con máis impacto do decreto é a limitación da circulación dos cidadáns. A circulación deberá realizarse individualmente e limitarase a desprazamentos ao lugar de traballo e actividades de primeira necesidade: compras de alimentos ou medicamentos, asistencia a centros sanitarios ou bancos, retorno á residencia habitual ou asistencia a persoas vulnerables.
O transporte de viaxeiros, tanto público como privado, reducirá a súa oferta polo menos á metade, salvo os servizos ferroviarios de proximidade, que a manterán. Os vehículos de transporte de pasaxeiros seguirán unha rutina de limpeza diaria baseada nas recomendacións do Ministerio de Sanidade.
A subministración de alimentos quedará garantido, asegurando non só o funcionamento dos centros de produción, senón tamén da cadea de distribución. Do mesmo xeito, garantirase o abastecemento dos produtos necesarios para a saúde pública.
Estas medidas súmanse a outras que xa foron decretadas pola declaración da situación de emerxencia sanitaria da Xunta de Galicia. Os comercios de hostalería poderán prestar exclusivamente servizo a domicilio, mentres que outro tipo de locais de espectáculos, ou onde se realicen actividades culturais, artísticas, deportivas, e similares deberán suspender a súa apertura estes días.
Igualmente, suspéndese a actividade escolar presencial en todos os niveis educativos en favor de actividades educativas online durante este período.