Comeza este sábado o Ciclo Mestre Mateo con ‘O gran camiño’

Comeza este sábado o Ciclo Mestre Mateo con ‘O gran camiño’

23 Marzo 2022/concello/Cultura

Este sábado 26 arranca o Ciclo Mestre Mateo co filme O gran camiño, un documental que percorre as grandes rutas a pé do mundo. 

A proxección será ás 20:00 na Casa da Cultura da Pobra do Brollón. Será seguida de foliada con barra e pinchos, en colaboración coa Escola municipal de Música Samoeiro.

O Ciclo Mestre Mateo é un programa impulsado pola Academia Galega do Audiovisual co apoio da vicepresidencia da Deputación de Lugo e a colaboración do Concello da Pobra do Brollón. A Academia pretende con este ciclo levar o máis destacado do audiovisual galego actual ás vilas galegas. 

Proxectaranse ao longo do ano un total de 8 películas, todas finalistas da presente XX edición dos premios Mestre Mateo. A proxección que abre o ciclo, O gran camiño, foi finalista a mellor documental.

O filme é narrado en primeira persoa polos directores Alba Prol Cid e Raúl García, dous cineastas que deciden emprender unha aventura de miles de quilómetros polas grandes rutas a pé do mundo, entre eles, o Pacific Crest Trail, un dos sendeiros máis extremos dos EEUU, o misterioso Camiño Inca a Machu Picchu, a ruta do Kumano Kodo entre grandes templos xaponeses, e tamén o Camiño de Santiago.

O percorrido é unha viaxe máis profunda que explora temas universais como as fronteiras, o amor e o sacrificio pola familia, os conflitos sociais, a espiritualidade, o cuidado do noso planeta ou o auto-coñecemento.

Despois da proxección, o Concello organiza a segunda foliada do ano en colaboración coa Escola municipal de Música Samoeiro e músicas achegadas compostelás. Será na mesma Casa da Cultura e haberá pinchos e barra para consumir algunha bebida. A hora aproximada de comezo da foliada é ás 22:00h.

O acceso tanto á proxección como á foliada posterior é de balde. Prégase reserva no teléfono 650 624 828.

 



RELACIONADO