Coñece a Ribeira Sacra guímara esta Semana Santa

Coñece a Ribeira Sacra guímara esta Semana Santa

25 Marzo 2023/concello/Xeral

O Concello da Pobra do Brollón presenta o seu programa turístico para dar a coñecer a Ribeira Sacra guímara esta Semana Santa.

Do sábado 1 ao domingo 9 de abril, ofrécense dúas visitas guiadas a elixir, que se poden combinar con dúas ‘experiencias vitivinícolas’ en diferentes puntos da parroquia de Vilachá de Salvadur.

Tanto para as visitas guiadas como para as experiencias de viño, é preciso un mínimo de 5 persoas. Para máis información e reservas, hai que contactar por chamada ou WhatsApp no teléfono 650 624 828.

Visitas guiadas pola ribeira guímara

Dentro do programa de visitas guiadas, totalmente gratuítas, ofrécese unha ao xacemento arqueolóxico de Os Conventos, un lugar excepcional para entender a evolución histórica da paisaxe da Ribeira Sacra. 

Foi nos Conventos, no marco do proxecto Adegas da Memoria, onde se realizou a primeira datación por Carbono-14 para saber con exactitude científica as orixes das terrazas vinícolas da ribeira.

A outra visita guiada é un ‘paseo entre pataos’, entre as viñas da ribeira do Eivedo, onde os visitantes poderán coñecer a viticultura tradicional, a historia da Ribeira Sacra e lendas da zona. 

Experiencias de viño da man de veciños

As visitas son combinables con unha, ou dúas, experiencias vitivinícolas. As experiencias de viño teñen un custo de tres euros por persoa, que inclúe unha cata de viño.  

Por un lado, coincidindo co comezo da tempada de furanchos, a experiencia do Furancho O Currio, o primeiro local deste tipo da Ribeira Sacra. Consiste nun paseo pola aldea de Trasmonte que acaba cun viño de Pedro na súa adega-furancho.

Por outro lado, a experiencia Val do Frade, unha adega que fai viños con Denominación de Orixe no propio conxunto de adegas tradicionais da Abelaira, en Vilachá. Xunto coa adegueira Puri, os visitantes poden dar un paseo polas adegas e adentrarse nunha delas para probar o viño.



RELACIONADO