O último venres de novembro comeza o XI Concurso de Tapas da Pobra do Brollón. Este ano participan sete establecementos; catro bares na capitalidade (O Pirata, Avenida, La Vieja Taberna, 1º de Maio), dous en Salcedo (A Cantina de Julia, A Salanova) e un en Cereixa (O Fogón).
‘Trátase dunha iniciativa xa consolidada no noso concello que permite dinamizar a hostalaría guímara animando a veciños e visitantes a participar coas súas votacións,’ comenta Mónica Rodríguez, a concelleira de eventos. ‘Ademais, o Concurso de Tapas coincide coa ponte de decembro e empalma directamente cos Cantos de Taberna o sábado 7 de decembro, polo que esperamos que a participación sexa máxima.’
Dende o 29 de novembro ata o 6 de decembro os establecementos ofrecerán a súa tapa a un prezo de 1,50€ para a súa degustación e valoración por parte dos consumidores. Son estes os que conforman o xurado popular que coas súas votacións elixen as mellores tapas para a entrega do primeiro, segundo e terceiro premio. Valorarase positivamente na decisión dos premios a promoción de viños da Ribeira Sacra.
Entre todos os que votaran sortearase un agasallo que consistirá nun circuíto termal e unha noite para dúas persoas noHotel Oca Augas Santas de Ferreira de Pantón. A entrega de premios e do agasallo realizarase o día 5 de xaneiro na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ dentro dos actos dos Reis.