Este venres 11 chega a primeira dun ciclo de foliadas organizado polo Concello da Pobra do Brollón e a Escola municipal de Música ‘Samoeiro’ en colaboración coas diferentes asociacións veciñais do Concello.
A primeira Foliada Guímara será o venres a partir das 21:00h na parroquia de Salcedo, concretamente na Casa da Escola. Haberá bebidas e pinchos; a música estará a cargo dos asistentes que veñan con ganas de tocar e bailar. Como toda foliada que se preste, a participación é totalmente aberta e libre.
‘Estas Foliadas Guímaras xorden coa idea de que os máis de cen alumnos que temos na Escola de Música poidan poñer en práctica o que aprenden nas clases,’ comenta Ricardo Rodicio, concelleiro de Cultura. ‘Por outra banda, con esta iniciativa queremos descentralizar a programación cultural e dinamizar as parroquias aproveitando os locais sociais para unir á comunidade.’
Esta primeira Foliada Guímara inaugurará as clases da Escola municipal de Música, que comezan a semana próxima (consultar horarios aquí). O obxectivo ao longo do curso é facer unha foliada mensual en diferentes parroquias da Pobra do Brollón. As datas e lugares de próximas Foliadas Guímaras compartiranse con antelación na web e redes sociais do Concello.