Coidar da nosa saúde e recuperar bos hábitos é máis importante que nunca nestes tempos de post-confinamento e convivencia co covid.
Esta semana, profesionais do Centro de Día da Pobra do Brollón ofreceron na Casa da Cultura un obradoiro con claves para aumentar o noso benestar físico e emocional a través de prácticas de autocoidado. Concretamente, a actividade foi impartida pola traballadora social e directora do Centro, Pilar Míguez, e a terapeuta ocupacional Nerea López.
A sesión desenvolveuse con alto interese e participación das persoas asistentes. Resolvéronse dúbidas tanto sobre prácticas saudables como sobre o funcionamento do Centro de Día, un recurso vital para unha mellor calidade de vida dos nosos veciños e veciñas maiores ou con dependencia.
Ao final do obradoiro, as asistentes levaron cadansúa guía de ‘Autocoidado da saúde’ para seguir aplicando o aprendido no seu día a día.
Tralo éxito desta primeira sesión, a intención é repetir a experiencia noutras parroquias do municipio. Informaremos polos medios habituais cando teñamos novas datas.