A Pobra do Brollón quere ser referente no eido da arqueoloxía galega

exchumacións cuarta campaña

A Pobra do Brollón quere ser referente no eido da arqueoloxía galega

31 Agosto 2018/concello/Cultura

En vésperas de rematar coa cuarta campaña de escavacións que se desenvolve no Castro de San Lourenzo, en Cereixa, deuse conta dos últimos achados.

O equipo que dirixe o arqueólogo, Xurxo Ayán, aproveitou a xornada para exhumar varias tumbas que contiñan restos humanos. Trátase de restos, nalgúns casos, moi ben conservados que ofrecerán información de grande valor. Nunha das tumbas atopouse unha mandíbula, presumiblemente de muller, que conserva moitas pezas e hai tamén un cranio completo. Este tipo de achados permitirán facer unha comparativa con “Atilano” exhumado o ano pasado. 

Todos os restos que van aparecendo no Castro de San Lourenzo, desde que comezaron os traballos arqueolóxicos no verán do 2016, ofrecen importante información do modo de vida nesta zona nos séculos XI, XII e XIII. Entre outras cousas, este traballo permitirá afondar nas orixes da Ribeira Sacra como paisaxe simbólica nesta época.

Na xornada de hoxe acompañaron ao equipo de arqueólogos o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, e outros membros do equipo de goberno. O alcalde falou da importancia dos traballos que se fan en San Lourenzo para “entender a nosa historia” e insistiu en que o Castro é ademais un recurso turístico fundamental para o concello

Este verán a través das visitas guiadas do concello atendéronse unha media de 15 persoas diarias, quen vén interesado polo Castro visita logo outros recursos do concello. Hoxe mesmo, un grupo de peregrinos que pasou a noite no albergue municipal visitou o Castro. Proviñan de Holanda, Francia, diferentes puntos de España e dentro de Galicia, Lugo e Vigo. O Castro, de feito, está na ruta do Camiño de Inverno ao seu paso polo concello.

Mañá remata a cuarta campaña de escavacións pero o traballo non para. Hai que recoller todos os achados, rexistralos e envialos a diferentes laboratorios e institucións en Galicia, País Vasco, Alemaña e Suecia, entre outros destinos. As probas que se lles fagan aos restos ofrecerán información sobre a dieta, a idade ou a procedencia destes restos. Cando se rematen todos os estudos, o material levarase ás instalacións do Castro de Viladonga para a súa conservación.

Acaba unha etapa, pero o arqueólogo, Xurxo Ayán, xa pensa na seguinte. Estase traballando na busca de financiación para unha nova campaña e faranse as xestións oportunas para contar o vindeiro ano cun novo campo de traballo, como este ano se contou co campo de traballo internacional.

 



RELACIONADO