María Sánchez presenta o seu novo poemario ‘Fuego la sed’ xunto coa poeta Olga Novo

María Sánchez presenta o seu novo poemario ‘Fuego la sed’ xunto coa poeta Olga Novo

13 Marzo 2024/concello/Cultura

Este mércores 13 de marzo ás 20:15, a Casa da Cultura ‘Olga Novo’ na Pobra do Brollón, acolle a presentación do segundo poemario de María Sánchez, Fuego la sed. A presentación será en formato conversa coa poeta guímara Olga Novo, Premio Nacional de Poesía.

Fuego la sed, editado por La Bella Varsovia, é o segundo poemario de María Sánchez tras Cuaderno de campo. Veterinaria e escritora cordobesa actualmente afincada no Saviñao, María Sánchez tamén é autora do ensaio Tierra de mujeres. Nos seus textos, presenta unha visión do mundo rural lonxe de estereotipos e defende unha relación máis respectuosa coa terra e a biodiversidade.

En Fuego la sed, Sánchez explora a nosa relación co noso entorno e como as decisións humanas repercuten no territorio en tempos de emerxencia climática. Segundo le a sinopse, “Nos poemas de Fuego la sed toman a palabra os corpos e os lugares para contarnos a historia dun perigo: o que axexa a un mundo –o noso– que se extingue.”

O evento é de acceso libre. Haberá un posto de venda de exemplares. 


Foto: José González

 



RELACIONADO