Este domingo 16 de xullo, a parroquia de Veiga acollerá un concerto de FAIA, o segundo evento do ciclo Novas Músicas Galegas, impulsado polo Concello da Pobra do Brollón.
O evento comeza ás 11:30, no punto de encontro que será no aparcamento de Finca Robles, Veiga. Antes do concerto, haberá unha visita a cargo de Noelia Besteiro e José Manuel Leiras para coñecer Finca Robles, casa grande que historicamente tivo unha grande influencia na contorna e que na actualidade depende do Centro de Investigacións Agrarias de Magebondo.
Despois, os asistentes poderán coñecer historias e recunchos da parroquia de Veiga nun pequeno paseo da man dos veciños Alejandro e Hortensia.
Tras as visitas, ás 13:00 horas aproximadamente, comezará na igrexa románica de Veiga o concerto de FAIA, artista galega que experimenta con melodías e ritmos tradicionais dende unha perspectiva feminista e única.
Ao rematar o concerto, o evento continuará no exterior da igrexa cunha sesión vermú con petiscos e pinchada a cargo de Bigote Mix.
As prazas son limitadas, polo que é preciso reservar no teléfono 650624828, preferiblemente por WhatsApp.
Esta actividade está financiada a través da subvención Territorio Cultura, xestionada pola Xunta de Galicia a través da Agadic, ao amparo do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation.