A Feira do Viño de Vilachá celebra o seu 30 aniversario a primeira fin de semana de maio

A Feira do Viño de Vilachá celebra o seu 30 aniversario a primeira fin de semana de maio

26 Abril 2023/concello/Cultura

A Feira do Viño de Vilachá, no concello da Pobra do Brollón, celebra a súa trixésima edición do venres 5 ao domingo 7 de maio. Como todos os anos, o lugar de celebración é no conxunto de adegas medievais da Abelaira, parroquia de Vilachá de Salvadur. 

Entre as innovacións deste ano, haberá un serán máis de festa, o venres 5. Tamén se instalará ao longo da Feira un Punto Lila a cargo da asociación Femforte en colaboración coa área de Servizos Sociais do Concello da Pobra do Brollón.

Mantéñense as novidades incorporadas na edición do ano pasado co obxectivo de aumentar o perfil enolóxico da oferta vinícola. Entre as innovacións, a creación de dous circuítos, un de colleiteiros e outro de adegas. Nesta liña, o cartel da 30 edición representa un brinde entre estes dous xeitos de facer viño. 

As propostas do “circuíto adegas” poden estar radicadas ou non no Concello, pero si deben posuír viñas na ribeira de Vilachá. Participarán Tolo do Xisto, Bico de Lagar, Val do Frade, Adega Curuxo, Acivro, Adega Sernande e Adega Vella. A maiores, participa a adega Petrón, que compra uva en Vilachá; e nesta edición créase a figura de “adega convidada” que neste caso será Malcavada.

O “circuíto colleiteiros” recolle a esencia de Vilachá, unha ribeira que aínda conserva un sistema produtivo bastante tradicional. Como o ano pasado, os colleiteiros deberán certificar a calidade e seguridade dos viños ofrecidos mediante as correspondentes analíticas e certificacións. Participan as adegas Couso, Morales, José Rodríguez López, Outeiro, Pedro, Os Conventos e Aridas. 

Os colleiteiros participantes poderán optar polo premio do xurado e do público. O sábado e domingo haberá un posto onde se facilitará aos público as tarxetas de votación, que deberán ir seladas por todos os colleiteiros para poder emitir o voto. 

Dúas catas moi especiais e mais unha cata-concurso

A programación desta 30 edición contempla tres catas comentadas. A primeira abre a Feira, o venres ás 20:00 horas. Será unha cata itinerante que circula por cinco adegas: Val do Frade, que presenta nova etiqueta; a nova Adega Curuxo, e mais as adegas Tolo do Xisto e Adega Vella. Serán os propios viticultores os que comentarán os viños. 

A segunda cata é o sábado ás 12:30, a cargo do enólogo Juanjo Figueroa e do técnico en turismo e cultura Xosé Gago. Nesta actividade, probaranse varios viños de adegas e colleiteiros, que poden ter presenza na feira ou non. Será unha cata diferente, cunha perspectiva holística centrada nas persoas e nas paisaxes detrás dos viños. 

Ambas as dúas catas teñen un prezo de 15€, que inclúe a copa da organización. As prazas son limitadas e é preciso inscrición previa no teléfono 650624828

A última cata pecha a feira, o domingo ás 19:00 h. Trátase dunha cata-concurso aberto ao público, no que o xurado probará e comentará os viños do circuíto de colleiteiros para elixir o gañador do premio do xurado. 

Música a montóns

Como todos os anos, a música ten unha grande presenza na Feira, comezando polo mesmo pregón, que este ano será a cargo do gaiteiro asturiano Bras Rodrigo. No pregón, que será o domingo ás 13:00 h, tamén participarán alumnos da Escola de Música Municipal Samoeiro. 

Ademais, haberá unha pequena actuación das Brindeiras da Guimaralia, con alumnos dos obradoiros de brindos (un xeito de improvisación oral cantada) que se levan facendo nos últimos meses na Pobra do Brollón.  

As Brindeiras da Guimaralia estarán circulando ao longo do domingo xunto con catro grupos de cantos de taberna para animar a feira. Igualmente, o sábado haberá oito agrupacións de cantos poñendo música e festa ao longo da xornada. 

Outro gran fito musical será o venres, coa actuación do consolidado grupo Habelas Hainas para animar o serán co seu potente directo. 

Encher o bandullo non só de viño

Haberá moitas opcións para que o viño non caia en baleiro. Como todos os anos, instalaranse postos de polbo tanto sábado como domingo. Eses dous días tamén haberá unha zona gastro na praciña de abaixo, na que se ofrecerán pizzas artesás e mais propostas variadas de Garden Monforte. 

A maiores, haberá postos variados (embutidos, queixos, xeados...) e varias adegas levarán opcións culinarias. Adega Pedro terá un posto de callos nas noites do venres e do sábado. Adega Couso tamén ofrecerá empanadas á venda na mesma adega ao longo da Feira. 

 



RELACIONADO