Arranca un novo obradoiro dual de emprego para acondicionar zonas verdes

Arranca un novo obradoiro dual de emprego para acondicionar zonas verdes

20 Setembro 2022/concello/Xeral

Comeza unha nova edición do Obradoiro dual de Emprego ‘A Pobra do Brollón, Bóveda e O Incio’. O acto de presentación foi celebrado onte na Casa da Cultura da Pobra do Brollón, o concello promotor da presente edición do obradoiro, tras asinar convenio con Bóveda e O Incio. 

Participaron na presentación os alcaldes Xosé Lois Maceda (A Pobra do Brollón), José Manuel Arias (Bóveda) e Héctor Corujo (O Incio), así como a directora do obradoiro, Verónica Quintela.

O obradoiro de emprego realízase grazas a unha subvención de 503.987,00€ da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, co obxectivo de que persoas traballadoras desempregadas reciban cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo de utilidade pública ou interese social.

Ao longo dos vindeiros 12 meses, un total de vinte alumnos, xunto con tres monitores e a directora, recibirán formación e levarán a cabo traballos para crear e acondicionar zonas verdes de titularidade municipal, así como mantemento de rutas de sendeirismo nos tres municipios implicados.

Ao remate, os participantes recibirán un certificado de profesionalidade na especialidade de actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría, complementado cun módulo formativo en operacións auxiliares en tratamentos silvícolas. 



RELACIONADO