Ao longo da xornada do 25 de novembro tiveron lugar na Pobra do Brollón varias actividades para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Ao mediodía persoal do Concello e veciños e veciñas concentráronse diante da Casa do Concello para gardar un minuto de silencio. O alcalde, Xosé Lois Maceda, leu un manifesto reivindicando a igualdade de xénero e a eliminación de calquera tipo de violencia machista.
Ademais deste acto, repartíronse no Centro de Día e no CEIP da Pobra do Brollón uns cadernos lucindo unha frase da escritora Virginia Woolf: ‘Non hai barreira, fechadura nin ferrollo que poidas impoñer á liberdade da miña mente’. As libretas foron realizadas grazas a financiamento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Tamén se repartiron uns calendarios e pulseiras da Deputación de Lugo da campaña ‘En negro contra as violencias’.
No colexio, a educadora familiar Mónica Carballo e o alcalde asistiron á lectura das frases reivindicativas escritas polas alumnas e alumnas para o 25 de novembro. Nos cursos primeiro e segundo, crearon un gran cartel colorido coa frase ‘Cores contra a violencia’.
A loita feminista protagonizou a mañá de colexio, xa que os nenos e nenas tamén puideron asistir a un contacontos sobre igualdade e non violencia a cargo de Fran Campos, organizado polo Concello da Pobra do Brollón con financiamento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
A maiores, ao longo desta semana o Concello está a colaborar co Centro de Día para difundir nas redes sociais uns vídeos sobre micromachismo, protagonizados polas propias persoas usuarias do Centro. Pódense ver nos perfís de Instagram, Facebook e Twitter do Concello da Pobra do Brollón.