Este venres 18 celebrarase unha sesión extraordinaria do Pleno do Concello da Pobra do Brollón para retirar o título de "alcalde honorario perpetuo" ao ditador Francisco Franco.
A corporación municipal tomou a decisión nada máis ter constancia do título, tras atopar recentemente a acta que así o certifica dende o ano 1967.
No Pleno tamén se fará un recoñecemento persoal de quen foi alcalde democrático en funcións no ano 1936, D. Antonio Reboiro Rodríguez, do Partido Agrario Radical Galego, coa presenza de familiares do mandatario.
Ademais de facer o recoñecemento persoal como vítima do franquismo – Reboiro foi represaliado e asasinado pola ditadura – no Pleno do venres, vaise tratar de aprobar que a biblioteca municipal, da que foi o primeiro impulsor, leve o seu nome.
“Estas accións son un exercicio obrigatorio de saúde democrática que ademais van na liña da Lei da Memoria Histórica,” declara o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda.
“Nun momento no que está en auxe a estrema dereita en toda Europa, é máis importante ca nunca facer memoria para reforzar a democracia, a liberdade e a igualdade, e evitar que algo así se volva a reproducir no futuro,” engade o rexedor.
O Pleno é este venres 18 ás 20:00 horas na Casa do Concello. Como todos os Plenos municipais, é un acto aberto a todos os cidadáns e cidadás.