Ver o programa e info práctica aquí
Onte presentouse o cartel dunha nova edición de As Cores de Outono, festival de música folk que se vén celebrando dende hai seis anos na Pobra do Brollón. Este ano o evento será o sábado 14 de setembro e está encabezado pola afamada agrupación de música tradicional, Milladoiro.
O festival está promovido polo Concello da Pobra do Brollón coa colaboración da Deputación de Lugo, a través do seu Plan Único de cooperación cos concellos. O cartel do que será a sexta edición do evento foi revelado esta mañá coa presenza de representantes de ambas institucións. O acto de presentación realizouse no centro da Pobra, na área recreativa de Samugueiros, que é tamén o lugar de celebración deste festival gratuíto convertido en cita musical de referencia no outono lugués.
‘Estes seis anos demostran que é un festival consolidado, cun número de persoas seguidoras que cada ano acoden a este espazo natural tan marabilloso a desfrutar duns concertos que representan a nosa cultura e idioma’, declarou a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro.
O alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, comentou ao respecto: 'Este festival é un referente non só na provincia de Lugo, senón tamén en Galicia. É unha aposta que facemos para dinamizar economicamente o noso concello a través da cultura e o turismo; unha liña na que levamos traballando dende hai tempo e na que estamos inmersos na actualidade, por exemplo co ciclo de concertos Cos Pés na Terraza e o apoio ao proxecto do Castro de San Lourenzo.’
O festival celébrase en horario de tarde-noite. Arranca ás 19:30 co espectáculo familiar ‘Concerto singular’, unha comedia musical e xestual da compañía Píscore, gañador do premio do público no Festiclown 2018.
A partir das 21:00 comezan os concertos. Empeza o músico ourensán Magín Blanco, cun espectáculo para público familiar. Fará un repaso a súa discografía coa que está a transformar a música infantil en galego, creando temas que gozan pequenos e maiores por igual. Tras Magín, falará o actor e monologuista Avelino González, o presentador este ano de As Cores do Outono, coñecido polos seus personaxes en televisión, como Miñato en ‘Padre Casares’ (TVG). Segue o emblemático Milladoiro, grupo que non precisa presentación, tras máis de tres décadas de traxectoria na música folk galega. Rematan os concertos as Pandeireteiras de Bouba, grupo de mozas da Pontraga (Tordoia, A Coruña) que este ano representou a Galicia no Festival Interceltique de Lorient e que levan dende o 2007 transmitindo o legado dos máis vellos cantadores e bailadores da zona.
O festival celébrase na área recreativa de Samugueiros, no centro da Pobra do Brollón (ver en Google Maps). No lugar haberá barra, postos de comida e de artesanía.
Para a sensibilización, prevención e detección de agresións machistas, tamén haberá un punto lila no lugar, a cargo da asociación FEMforte.
Ferreiro expresou a súa satisfacción co programa: ‘Esta actividade é un exemplo de como estes investimentos do Plan Único da Deputación están promovendo actividades culturais que chaman á participación de moita veciñanza e tamén a moitas persoas que veñen de fóra’.
O acto de presentación terminou cunha invitación de Maceda a vir ata A Pobra do Brollón o 14 de setembro: ‘Pensamos que vai ser un motivo para que nos visiten e compartan estes concertos con nós, os veciños da Pobra; vivir xuntos o que é en definitiva a Guimaralia.’