A Memoria Histórica, protagonista na Pobra do Brollón do xoves 8 ao domingo 10 de novembro

A Memoria Histórica, protagonista na Pobra do Brollón do xoves 8 ao domingo 10 de novembro

07 Novembro 2018/concello/Cultura

O Concello da Pobra do Brollón organiza entre o 8 e o 10 de novembro diferentes actividades que teñen como fío conductor a Memoria Histórica. Comezarase o xoves 8 na Casa da Cultura “Olga Novo” coa proxección do documental “O canteiro de Sebil”, un filme que conta a vida de Xoán Xesús González Fernández. Xoán Xesús dirixiu no ano 36, tras o Alzamento, un grupo de 50 obreiros de Teo coñecidos como Os Terzos de Calo que se encamiñaron a Compostela a defender a legalidade da República.

Esta proxección forma parte do I Ciclo de Cinema Galego da Pobra do Brollón que se desenvolve todos os xoves ás 20:00 na Casa da Cultura Olga Novo e que remata o próximo 28 de novembro. A axenda do Ciclo de Cinema recolle proxeccións seguidas de mesas redondas, neste caso participará da mesa redonda o arqueólogo Xurxo Ayán, director da escavación na Casa de Repil e nos proxectos de exhumación de Castroncelos e Saa, así como moitos outros proxectos de recuperación da Memoria Histórica en todo o Estado.

A seguinte actividade será o sábado ás 16:00 cunha visita guiada á Casa de Repil. O lugar foi obxecto de campañas arqueolóxicas que permiten reconstruír o que alí aconteceu na batalla do ano 1949. A visita substitúe, nesta fin de semana, ás que se realizan os sábados de outono ao Castro de San Lourenzo. Para participar, hai que apuntarse no 666 435 832.

Nesa mesma xornada ás 20:00  da tarde, na Casa da Cultura Olga Novo terá lugar a obra teatral “A Lola” escrita e dirixida polo profesor Manuel Ayán Díaz, nado en Fornelas e autor de outras obras teatrais como “María Castaña” ou “Beltrana A Birolla”. A obra, representada pola Asociación Cultural Avelaíña, narra a situación familiar de dous mozos que queren casar nos anos 60, ela dun entorno familiar afín ao réxime e el republicano. A obra evidencia a persistencia dos traumas do pasado.

A Memoria Histórica seguirá sendo protagonista o domingo día 10, co Ciclo de Andainas Outonizas: da man de...Xurxo Ayán, quen guiará aos asistentes a través dos lugares destacados no apreixamento e asasinato do Inverno de Eirexalba. O Inverno foi obxecto dun proxecto de exhumación o pasado verán de 2018 e o arqueólogo contará os resultados desa intervención.

A ruta comezará ao carón do Cuartel da Guardia Civil da Pobra do Brollón ás 10:00 e combinará tramos en autobús con outros a pé. Está previsto que remate ás 13:00 cun taquete de aperitivo, novamente o teléfono para inscricións é 666 435 832. En caso de mal tempo, a ruta será substituida por unha charla sobre O Inverno e os resultados do proxecto de exhumación na Casa da Cultura Olga Novo.

A fin de semana adicada á Memoria Histórica non responde a ningunha efeméride concreta. En palabras do alcalde, Xosé Lois Maceda“Non se trata de acordarnos do noso pasado recente só nos días sinalados no calendario, senón de normalizar que se celebren actos de Memoria dentro da programación cultural regular dun Concello”. Asegura o rexedor local que desde o equipo de goberno sempre se apoiou este tipo de iniciativas, como a escavación da Casa de Repil ou os proxectos de exhumación en Saa e Castroncelos, colaborando coa ARMH. “Parécenos interesante e necesaria esta aposta por recuperar a nosa historia máis recente e traumática e sobre todo, transmitirlla á xente máis nova”, sinala Xosé Lois Maceda.

 

 



RELACIONADO