Bota a andar o obradoiro de emprego Brollón-O Incio-Bóveda

Bota a andar o obradoiro de emprego Brollón-O Incio-Bóveda

30 Decembro 2020/concello/Xeral

Esta semana inicia a súa actividade un obradoiro de emprego que comparten os municipios da Pobra do Brollón, O Incio e Bóveda. 

O novo taller dará ocupación a vinte alumnos-traballadores —sete do Incio, outros sete da Pobra do Brollón e seis de Bóveda—, ademais de dous profesores, un director e unha administrativa. Cando termine a actividade do obrdoiro, os alumnos recibirán un certificado de profesionalidade de nivel 1. A Xunta contribúe a esta iniciativa cunha subvención de 346.946 euros.

As actividades do taller, que ten como promotor ao Concello do Incio, terán unha duración de nove meses e centraranse na conservación dos montes e a mellora de camiños e pistas.

Na Pobra do Brollón actuarase nos itinerarios de sendeirismo coñecidos como Ruta do Ouro e do Ferro, da Castaña e do Mel e a de Doade-Augas Mestas, así como nos camiños que levan ás antigas minas de Os Medos e A Veneira de Roques, á Cova das Choias, á ferrería de Loureiro e ao xacemento arqueolóxico de Os Conventos, na parroquia de Vilachá de Salvadur. Tamén está previsto acondicionar algúns roteiros de bicicleta de montaña.


Os alcaldes dos tres municipios recibiron aos alumnos o luns en O Incio



RELACIONADO