A iniciativa do equipo de goberno da Pobra do Brollón de ofrecer visitas guiadas aos principais elementos de interese do concello está tendo moi bos resultados despois do primeiro mes de funcionamento. Atendeuse a 178 persoas, cunha media diaria de 7 persoas. A Cova das Choias foi o recurso máis visitado, deuse un incremento de visitantes na segunda quincena de xullo, prevéndose que esta liña ascendente continúe en agosto, e o punto álxido ata o momento foi a pasada fin de semana con 30 persoas participando dos “domingos de Vilachá”. Hai familias que fixeron todas as visitas e detectouse que unha vez que se fai a primeira visita, serve de reclamo para que se queiran facer o resto das propostas. A maior parte dos visitantes, ata o momento, veñen derivados da oficina de turismo de Monforte e do balneario de Augassantas.
Lembramos que a oferta de visitas é:
Castro de San Lourenzo
De martes a venres ás 11:00 h. (duración 1 hora) Punto de encontro: Ao pé do Castro, no cartel
Trátase dunha visita ao Castro de San Lourenzo, no que mañá comeza a cuarta campaña de escavación. Durante a visita, ademais de poder achegarse ao traballo arqueolóxico e ás últimas novidades, os visitantes farán un percorrido polos 2.000 anos de historia do lugar.
Cova das Choias
De martes a venres ás 18:00 h. (duración 1hora 30 min. Incluindo desprazamentos) Punto de encontro: Diante do cuartel da Guardia Civil.
Trátase dun dos elementos máis emblemáticos do Concello que conxuga perfectamente, patrimonio natural e cultural. Dende o punto de vista natural interesa a propia formación da cova e, sobre todo, os seus habitantes (as choias, varias especies de morcego e o musgo fosforescente)
A fuxida dun Guerrilleiro
Sábados ás 11:00 h. (duración 2 horas. Distancia 3 Km.) Punto de encontro: Repil
Nesta visita, coa Batalla de Repil como trasfondo faremos un percorrido polas zonas menos coñecidas de Cereixa. Trátase dunha andaina que comeza en Repil para, a través das últimas escavacións arqueolóxicas coñecer esta batalla na que no ano 49 foron abatidos 4 guerrilleiros pola Guardia Civil, continuará o percorrido pola hipotética ruta de fuxida do Segura, supervivinte da batalla, ata Cereixa.
Un paseo polos tempos de María Castaña
Sábados ás 17:00 h.
Punto de encontro: Restaurante O Fogón (duración 2 horas. Distancia 2 Km.)
Ruta pola parroquia de Cereixa coñecendo os seus lugares de interese: Igrexa, as Casas do Ramau e de Alende e o Castro de San Lourenzo onde remata a ruta. Ademais, farase un achegamento aos/ás veciñ@s de Cereixa do presente e do pasado entre os que destaca María Castaña.
Os domingos de Vilachá
Domingo ás 11:00 h.
Punto de encontro: Adegas de Vilachá (Distancia 2 Km.)
Trátase dun pequeno roteiro que ten como obxecto aproveitar o espazo inigualable das Adegas de Vilachá. Esta visita ten un carácter máis lúdico, xa que o obxectivo final é crear unha xuntanza nas adegas abertas nas que, probando o viño, se favoreza a conversa c@s produtor@s.
Irase desde as adegas ata o Mirador da Capela, un balcón sobre o Sil e a viticultura da Ribeira Sacra. As adegas estarán abertas a partir das 13:00 h. Non é necesario vir á andaina para ir tomar uns viños. O obxectivo é que suban quenes o desexen e xerar un ambiente festivo e agradable.
Para participar das visitas guiadas é necesario reservar no teléfono 666 435 832.