O Concello da Pobra do Brollón ten en marcha dous talleres gratuítos, un para traballar a memoria e outro para aprender a usar o teléfono móbil. O primeiro está orientado a persoas maiores e persoas con algunha limitación cognitiva e o segundo, a público adulto en xeral.
Aínda quedan prazas libres para anotarse. Ambos talleres teñen lugar as mañás dos mércores na Casa da Cultura; o da memoria é de 11 a 12 horas e o do móbil, de 12 a 13 horas.
O taller da memoria ten por obxectivo mellorar a calidade de vida dos participantes e fomentar as relación sociais, mantendo e mellorando a concentración, a atención e as capacidades cognitivas. Úsanse técnicas diversas como actividades lúdicas grupais, fichas, pasatempos, etc.
O taller de uso do móbil busca instruír no funcionamento básico dos teléfonos, aplicacións básicas, xestións para facer dende o móbil, etc. Adaptarase o contido do taller ás necesidades dos participantes.
As persoas interesadas aínda poden anotarse aos talleres. Para facelo ou para pedir máis información, poden contactar con servizos sociais nas súas oficinas na Casa da Cultura ‘Olga Novo’, no teléfono 982430447 ou no correo electrónico educacionfamiliar@concellodapobradobrollon.gal