O 2019 guímaro en imaxes

O 2019 guímaro en imaxes

03 Xaneiro 2020/concello/Xeral

Coa chegada dun novo ano, presta botar a vista atrás e facer repaso dos 365 días que veñen de pasar. 

O 2019 na Pobra do Brollón destacou por moitos e variados motivos. Nestas imaxes seleccionamos algúns deles. 

Presenciamos e apoiamos o nacemento de Adegas da Memoria, un proxecto pioneiro de etnoarqueoloxía en Vilachá de Salvadur. No noso concello estase a facer o primeiro gran estudo científico das orixes da Ribeira Sacra e ademais, todo o mundo pode seguir os avances do proxecto a través dunha web-serie. 

Pola súa banda, desenvolveuse unha nova e exitosa campaña arqueolóxica no Castro de San Lourenzo, en Cereixa, onde o equipo acompañado por voluntarios dun campo de traballo internacional atoparon un novo esqueleto en excelente estado de conservación.

A nivel cultural, ao longo do ano varias iniciativas encheron a Guimaralia de música e cine. No verán, gozamos de ‘Cos pés na terraza’, un ciclo de concertos nos bares. No outono, chegaron as Foliadas Guímaras, unha serie de foliadas itinerantes polas parroquias do concello en colaboración coa Escola de Música Samoeiro. 

Varios ciclos de cine tamén brindaron a oportunidade de ver películas e documentais na Pobra... Cine de verán para maiores e pequenos; un ciclo de cine de temática rural, unha serie de documentais para debater sobre ‘grandes temas do noso tempo’, e para culminar o ano, a proxección solidaria da película galega do ano, ‘O que arde’.

No ámbito turístico, as visitas guiadas de verán – ao Castro de San Lourenzo, á Cova das Choias e a Vilachá – volveron ter unha gran acollida. Este ano, ofreceuse unha versión extendida da visita en Vilachá, incorporando os novos coñecementos adquiridos grazas ao proxecto Adegas da Memoria.

Os veciños guímaros tamén puidemos facer algo de turismo con ‘Coñece o teu Camiño, paso a paso’, unha iniciativa dentro do plan O Teu Xacobeo da Xunta na que estamos a percorrer o Camiño de Inverno en dez domingos. 

Neste 2019 o Concello da Pobra do Brollón segue a apostar pola xestión responsable e sostible de residuos. Obtivemos os primeiros sacos de compost dos composteiros comunitarios, e presentamos o punto limpo móbil.

No relativo a obras e melloras, pódese mencionar o acondicionamento de varias estradas no concello, e tamén da Rúa da Peza no centro da Pobra do Brollón.

Con motivo do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o noso concello sumouse á campaña 'En negro contra as violencias'. Unha iniciativa de sensibilización social que busca unha resposta colectiva de rexeitamento das violencias de xénero e mais dos asasinatos machistas.

Hai que destacar tamén a presentación dunha nova revista municipal, A Auga do Mollón, cunha tirada de 1000 exemplares e colaboracións de luxo como as poetas Olga Novo e Noa Moreira, ou o arqueólogo Xurxo Ayán.

E por suposto, neste ano que vén de pasar, celebramos os eventos anuais ‘clásicos’: o Entroido e o Oso de Salcedo, a Feira do Viño de Vilachá, o festival As Cores do Outono, a Xuntanza de Veciños, os Cantos de Taberna e a Feira Medieval Guímara. Neste último evento, a poeta de Vilarmao Olga Novo presentou unha documentación medieval inédita que identifica a Lope de Ferreiros como o individuo detrás do mito fundacional da Guimaralia. 

Esperamos que o ano 2020 veña igual de intenso e con moitos máis motivos para seguir a construír entre todas e todos a Guimaralia que queremos!



RELACIONADO