O Concello da Pobra do Brollón colabora coa celebración do Entroido de Salcedo con 2.500 euros

O Concello da Pobra do Brollón colabora coa celebración do Entroido de Salcedo con 2.500 euros

27 Febreiro 2019/concello/Cultura

Concello da Pobra do Brollón asinou, o 21 de febreiro, convenio coa Asociación de Veciños de Salcedo para a celebración do Entroido de Salcedo. O convenio recolle que entre as “competencias do Concello está o apoio, desenvolvemento e difusión da cultura en toda a súa extensión, con especial atención a aquela que ten carácter tradicional e a que desde o ámbito do concello, estende a súa repercusión fóra do mesmo contribuíndo a espallar máis alá dos seus límites, o seu nome e ser polo de atracción para a visitantes”.

Entre esas actividades sinálase o Entroido de Salcedo como unha das máis destacadas, “de tradición centenaria e cunha ampla repercusión fóra do Concello”. E especifícase que dentro das moitas actividades que inclúe destaca o Oso de Salcedo, cuxa repercusión sobrepasa os lindes da Comunidade Autónoma.

Pola súa banda a Asociación de Veciños manifesta que moitas das actividades precisan de novo material ou roupa, como é o caso dos traxes de madamas e danzantes e a vestimenta do Oso e a dos seus criados, elementos que co paso do tempo se deterioran e é preciso renovar.

O convenio recolle que o Concello da Pobra do Brollón colabora neste exercicio, cunha achega de 1.500 euros para a organización do Entroido. Ademais do convenio que se vén de asinar, o Concello da Pobra do Brollón aporta 1.000 euros para que a Comisión Organizadora poida sugragar os gastos do grupo eléctrico.



RELACIONADO