O Concello da Pobra do Brollón ven de aprobar os orzamentos para o 2018 que ascenden a 1.900.000 €. Estes presupostos son resultado dunha xestión económica que permite asumir nesta anualidade a aportación de 200.000 € que lle corresponde ao Concello para a construción da residencia sen necesidade de endebedarse. Na mesma sesión plenaria ademais desta reserva de crédito aprobouse a cesión de terreos á Deputación para a construción destas instalacións con capacidade para 40 persoas. A obra dun millón e medio de euros será a maior inversión feita ata o momento no concello da Pobra do Brollón.
Dentro dos orzamentos para este ano, a partida de política social é a máis beneficiada cun 29% do presuposto. Estes fondos destinaranse principalmente a emerxencia social e axuda no fogar e permitirán ao concello seguir apostando pola prestación básica e poder cubrir as necesidades das persoas dependentes mentres non reciben a correspondente axuda da Xunta. Outra partida que experimenta un importante incremento é a das Inversións que supón un 14% do Orzamento.
Dentro da partida de Fomento do Emprego o Concello creará a súa propia brigada de prevención para desbroces e outras tarefas de conservación. Contratarase para esta finalidade a un equipo de 7 persoas.
A promoción do Turismo e impulso dos recursos propios segue sendo un obxectivo prioritario do equipo de goberno e neste senso aprobouse un convenio coa Xunta de Galicia polo que se desenvolverá un Campo de Traballo Internacional no Castro de San Lourenzo. Unha vintena de persoas, a maioría delas da República Checa desenvolverán traballos arqueolóxicos de excavación durante 15 días no mes de agosto. A actividade suporá seguir poñendo en valor o Castro e dalo a coñecer fóra das nosas fronteiras.
O último pleno da Pobra do Brollón serviu tamén para aprobar un convenio coa SGAE polo que o Concello abona unha tarifa plana anual que cubre todos os eventos públicos de carácter musical do concello, co correspondente beneficio para as parroquias de cara as súas festas.