A Cova das Choias é unha gruta de orixe natural, un dos espazos máis singulares da comarca de Lemos. Na época romana a gruta alterouse pola man do home para a extracción do mineral do ferro. Sábese do seu aproveitamento intensivo, sobre todo nos séculos XVI e XVII, abastecendo ás ferrerías da comarca, principalmente á desaparecida ferrería de Biduedo na parroquia de Óutara.
Na actualidade a cavidade ten unha extraordinaria riqueza natural en situación vulnerable: o musgo luminiscente e unha poboación de diferentes comunidades de morcegos única en Galicia. A Asociación Drosera para o estudo e conservación do medio natural comunicara ao concello a importancia dun ambiente sin presenza humana para a conservación dalgunhas das comunidades de morcegos. Nesta situación o concello decide executar unha obra de posta en valor da Cova das Choias.
O proxecto, xestionado polo concello ante o GDR Ribeira Sacra – O Courel, posibilitou vallar a entrada á cavidade para impedir o acceso pero permítese unha amplia visión da cova, mellorouse o tramo duns 600m. que chega ata a entrada da cavidade; salvando con pasarela de madeira, escaleiras e pasamáns o tránsito por algúns dos treitos.
A obra da Cova das Choias supón poñela en valor dentro da Rede de Recursos Turísticos do Concello e protexer dous elementos dun valor biolóxico incalculable, cuestión prioritaria para o equipo de goberno.
Por unha banda o musgo que lle confire a cor verde á cavidade. Este musgo ten a peculiaridade de que conta cuns filamentos que reflexan a luz verde esmeralda, producindo a ilusión visual de luminiscencia. A presenza deste musgo na Península Ibérica está documentada en a penas unha ducia de localizacións. Pola fraxilidade dos hábitats que ocupa esta especie está incluida no Catálogo Galego de Especies Ameazadas como especie vulnerable.
E por outra banda as aves que a habitan. Hai anos a cova recibía o seu nome, as Choias, pola abundante presenza destes paxaros da familia dos córvidos. Hai catro anos as choias desapareceron, agora ocupan a cavidade distintas especies de morcego, destaca o morcego cova que ten aquí a colonia máis grande coñecida en Galicia e os morcegos de ferradura grandes que ocupan a cova no outono. Estas especies están en situación vulnerable e a simple presenza humana pode resultar nefasta para a conservación destas colonias.