Antom Garcia Rodrigues presentará este venres 25 na Pobra do Brollón Espaços afetivos da Galiza na Lisboa atual, editado por Laiovento. Na presentación estará acompañado pola poeta local Noa Moreira. A presentación será ás 20:30 horas na Casa da Cultura 'Olga Novo'.
A través de fontes históricas e literarias, o libro indaga na pegada de séculos de emigración galega na capital portuguesa. Unha memoria invisibilizada durante moito tempo pero que permanece nos barrios, nos nomes, en tradicións culinarias, festas e en múltiples ámbitos da vida lisboeta actual.
O ensaio percorre estas marcas da memoria galega en Lisboa ao mesmo tempo que procura comprender as circunstancias que levaron a tantas persoas de Galicia a emigrar para a capital portuguesa.
Antom G. Rodrigues (Chantada, 1987) é graduado en Lingua e Literatura Galegas e en Linguas e Literaturas Modernas, con especialización en Lingua Portuguesa e Literaturas Lusófonas na Universidade de Santiago de Compostela. Desenvolve a súa actividade docente no ensino secundario e nas escolas oficiais de idiomas, exercendo anteriormente como lector de galego na Universidade Nova de Lisboa.
