Grave situación ante a falta de médicos no Centro de Saúde da Pobra do Brollón

Grave situación ante a falta de médicos no Centro de Saúde da Pobra do Brollón

31 Xullo 2026/concello/Xeral
  • O centro conta cunha soa médica, tras a xubilación doutro facultativo en setembro do ano pasado
  • A situación agravouse tras a baixa da facultativa actual, cuxa praza estase a cubrir con días soltos, así como da pediatra

O Centro de Saúde da Pobra do Brollón conta dende hai meses cunha soa praza médica cuberta, debido a que non se substituíu de xeito definitivo ao facultativo xubilado o pasado mes de setembro.

A situación agravouse recentemente, tras a baixa da única facultativa restante, que coincide ademais co aumento de poboación estival e, por tanto, cun incremento na demanda. A súa baixa estase a cubrir con días soltos e sen unha previsión real, resultando en que hai días nos que a veciñanza da Pobra do Brollón está desprovista totalmente de atención médica.

Así, a día de hoxe, non hai consultas médicas dispoñibles ata dentro de nove días, e ademais nun horario limitado a aproximadamente unha hora cada día. A esta demora en acceder a unha consulta hai que sumar o inconveniente dunha falta de atención continuada e estable, especialmente importante para persoas con enfermidades crónicas. 'Tendo en conta a avanzada idade media da poboación da Pobra do Brollón, a situación faise especialmente preocupante,' sinala o alcalde Xosé Lois Maceda.

Por outra banda, dende o goberno municipal tamén se denuncia a ausencia de pediatra no Centro de Saúde local, que tan só atende un día á semana, e actualmente ningún xa que está de baixa sen cubrir.

'Ambas situacións implican a deriva aos servizos de saúde de Quiroga ou de Monforte, xa de por si saturados, e coas dificultades que isto supón para a poboación, especialmente para os máis maiores,' engade Maceda.

'Dende o goberno municipal esiximos que, como mínimo, se ocupe de xeito definitivo a praza do médico xubilado e se cubran as baixas do médico de familia e do pediatra con maior rapidez e continuidade no tempo,' afirma o rexedor. 'Son uns mínimos para que a veciñanza da Pobra do Brollón poida recibir a atención sanitaria digna e de calidade á que teñen dereito todos os cidadáns e cidadás.'



RELACIONADO