A Pobra do Brollón conmemora o 25N–Día da eliminación da violencia contra as mulleres

A Pobra do Brollón conmemora o 25N–Día da eliminación da violencia contra as mulleres

24 Novembro 2023/concello/Xeral

Dende o Concello da Pobra do Brollón quixemos manifestar o noso repudio ante calquera tipo de agresión machista cunha serie de accións desenvolvidas esta semana arredor do 25N, Día da eliminación da violencia contra as mulleres.

Arrancamos o luns colgando dende os balcóns da Casa do Concello as pancartas reivindicativas para que estiveran visibles para toda a veciñanza. 

A inicios de semana tamén se inaugurou na Biblioteca municipal ‘Antonio Reboiro’ o espazo LerLilás, unha selección de libros coeducativos en materia de igualdade.

Este espazo créase coa convicción de que a educación é a base para loitar contra a desigualdade. Os libros de LerLilás identifícanse por levar un punto lila no lombo. Hainos de diferentes xéneros literarios e para todas as idades, co denominador común da igualdade e a perspectiva de xénero. Todos están dispoñibles na biblioteca para a súa consulta e préstamo.

O xoves continuaron as accións polo 25N cunha visita ao CEIP A Pobra do Brollón e ao Centro de Día a cargo da concelleira de Igualdade, Noelia Besteiro, xunto coa educadora familiar Mónica Carballo e a traballadora social Flavia Rodicio.

No colexio, foron recibidas polo alumnado no patio. Alí, antes de recibir unhas chapas conmemorativas, as nenas e nenos proclamaron lemas a prol da igualdade de xénero que prepararan previamente nas aulas.

No Centro de Día, repartiuse entre as persoas usuarias uns neceseres, tras comentar o motivo da visita, a conmemoración tristemente aínda tan necesaria do Día da eliminación da violencia contra as mulleres. Lembramos que, segundo os últimos datos oficiais do mes de agosto do 2023 en Galicia, dúas mulleres foron asasinadas e dúas crianzas ficaron orfas.

Este mediodía tivo lugar unha concentración diante da Casa do Concello á que asistiron a corporación municipal, persoal do Concello, veciñas e veciños, e mais algunhas persoas usuarias e persoal do Centro de Día, xuntos e xuntas para manifestar o noso máis firme rexeitamento ante a violencia de xénero. 

No acto o alcalde Xosé Lois Maceda leu o manifesto (consulta o documento en PDF neste enlace) e gardouse un minuto de silencio polas vítimas da violencia machista.

As accións rematarán o sábado cun punto Lilás na Foliada Guímara de Lamaigrexa. Os puntos Lilás son espazos para ofrecer información, acompañamento e apoio ante as agresións machistas nas celebracións que se leven a cabo no concello.

A creación do punto Lilás está recollida no Plan de Igualdade 2023-2027 do Concello da Pobra do Brollón, que se pode consultar neste enlace

Grazas a este Plan que se pon en marcha dende a Concellería de Igualdade, na Pobra do Brollón dirixímonos con máis firmeza cara á igualdade de oportunidades entre mulleres e homes do noso concello. 

Unha reivindicación que buscamos non só en datas como o 25N, senón a diario e de xeito transversal en todos os aspectos da vida pública e privada, traballando a prol da transformación social e a mellora da calidade de vida de toda a veciñanza.



RELACIONADO