Un novo obradoiro de brindos chega este sábado ao Furancho O Currio

Un novo obradoiro de brindos chega este sábado ao Furancho O Currio

01 Xuño 2023/concello/Cultura
  • O taller será no Furancho O Currio na aldea de Trasmonte, Vilachá de Salvadur
  • O Furancho tamén organiza a súa segunda convivencia poética rematando o domingo en vermú aberto ao público

Esta fin de semana retómase a actividade ‘Guimaralia: Acción Cultural’ dando continuidade aos obradoiros de brindos guímaros organizados dende o Concello da Pobra do Brollón, con financiación da Unión Europea-NextGenerationEU a través da subvención Territorio Cultura.

Desta volta, as integrantes de Erre que Erre desprazaranse ao Furancho O Currio en Trasmonte, parroquia de Vilachá de Salvadur. ‘En anteriores obradoiros, traballamos a rima e a métrica. Agora progresivamente iremos facendo máis fincapé nos contidos,’ comentan dende o colectivo de improvisación oral.

O obradoiro será este sábado 3 de xuño ás 20:15. É gratuíto e non é preciso ter asistido aos anteriores para participar. Dende o Furancho comentan que é previsible que tras o obradoiro se forme unha foliada, polo que animan aos asistentes a subir instrumentos.

Paralelamente, dende o propio Furancho organizan a II Convivencia Poética, na que varias poetas galegas pasarán a fin de semana na aldea convivindo, visitando a zona e creando. As poetas participantes nesta edición son Nuria Vil e Lucía Aldao, mais Noa Moreira que exercerá de anfitrioa como poeta local.

A convivencia desembocará o domingo 4 nun vermú artístico aberto ao público. Comezará a partir das 13:00 e haberá recitais das poetas e micro aberto. Tamén participarán no vermú as artistas plásticas Mushu e A Flaira, que farán unha intervención chamada ‘Peras ao viño: Sobremesa artística’ na que pintarán en directo durante o evento.

A actividade cultural guímara continuará a fin de semana seguinte coas Festas do Corpus na capitalidade municipal e concerto de Davide Salvado o sábado 10 de xuño.

Toda a programación pódese consultar aquí: concellodapobradobrollon.gal/axenda



RELACIONADO