Entrevistamos a Pilar Macía, autora de Lobo, novela policial ambientada na Pobra do Brollón e que saíu á luz en decembro de 2020. Macía doou recentemente un exemplar á Biblioteca municipal, onde está dispoñible para quen queira acompañar ao sarxento Sierra na súa determinación por resolver un caso que xa se saldou coa morte de dous veciños.
En primeiro lugar, moitos parabéns por este primeiro libro. Cal é a sensación de ver o teu traballo feito libro?
Moitas grazas. Empecei a escribir Lobo fai cinco anos, aínda que a novela tivo períodos de repouso para consolidarse, e a sensación ao vela publicada foi de felicidade. O proceso de escritura é moi solitario e apenas a leran algunhas persoas, vela saír á luz xerou en min unha gran expectación por saber a acollida que ía ter… Moitas persoas sabían que escribía pero nunca viran o produto daquelas horas de encerro.
Se tiveses que recomendar o libro a un amigo, como o definirías?
Lobo é unha novela policial que transcorre na Pobra do Brollón, ao sur da provincia de Lugo e na que se retrata a etnografía e costumes do lugar. Haberá unha serie de asasinatos difíciles de explicar na vila que viu nacer ao sarxento Sierra, o que exporá un choque de emocións nel.
Diríalle que é unha novela fácil de ler e que engancha ao lector desde o primeiro capítulo e que espero que lle guste.
Cal é a túa relación coa Pobra do Brollón? Que che animou a situar Lobo aquí?
A miña familia paterna é da Pobra, e eu pasei moitos veráns e fins de semana alí desde pequena, é un sitio ao que teño moito agarimo. Sendo nena xoguei, corrín e percorrín en bicicleta os camiños da Pobra, supoño que aí está o xerme de todo. Cando se me ocorreu a idea da historia só podía situala na Pobra, non podía ser noutro lugar. A Pobra é unha vila moi bonita, toda a súa contorna é espectacular e A Pobra encáixame perfectamente no perfil de “vila de novela policial” onde situar unha obra de ficción destas características.
Os lectores de Lobo que coñezan A Pobra do Brollón van recoñecer o noso municipio no libro?
Por suposto. A historia é pura ficción e os personaxes cos seus nomes están creados sen basearme en ninguén, con todo, as localizacións son practicamente exactas, só tomei algunha licenza por necesidades da trama.
Como combinas o oficio de escribir coa ensinanza? [Pilar é profesora de Formación Profesional de Química no IES A Sardiñeira da Coruña]
Utilizo o meu tempo libre para escribir (fins de semana, vacacións…). Ás veces resúltame moi difícil parar, sobre todo dependendo do momento de escritura no que me atope: non é o mesmo estar tecleando os primeiros borradores, que relendo ou reescribindo borradores finais. Hai fases máis relaxadas e que se poden distribuír mellor no tempo, porén outras requiren intensidade e non paróns polo medio. É importante destacar que escribir implica estar “enganchada” coa historia e, obviamente, no día a día hai que “ desenganchar” para vivir a vida real.
Lobo está a venda en formato papel e electrónico. Na Pobra do Brollón, pódese atopar á venda na Librería Núñez (o Trotski). Tamén está na web de Caligrama Editorial, en Amazon, en Fnac, Agapea, La Casa del Libro, El Corte Inglés, e pódese pedir en calquera libraría.