Comeza a fase 3 con mobilidade entre provincias

Comeza a fase 3 con mobilidade entre provincias

09 Xuño 2020/concello/Xeral

A partir de hoxe, Galicia entra na fase 3 da desescalada. Un dos principais cambios é a mobilidade entre provincias, polo que as persoas residentes en Galicia poderán circular libremente por toda a Comunidade Autónoma.

Outros cambios da fase 3 afectan sobre todo a comercios, locais de hostalaría e espazos e eventos culturais. Aquí resumimos algúns dos cambios:

  • Elimínanse totalmente as franxas horarias para o paseo (aínda que na Pobra do Brollón xa non tiñamos franxas)
  • Pódense facer reunións sociais de ata 25 persoas.
  • Poden practicar deporte non profesional e pasear xuntos en calquera lugar grupos de ata 20 persoas, sen contacto e respectando un límite do 50% na capacidade en locais pechados. 
  • Bibliotecas, cines, teatros, auditorios, salas de exposicións: Permítese a actividade cun límite do 50% na súa capacidade.
  • Os espectáculos culturais pódense celebrar cun máximo de 80 persoas en espazos pechados e 200 ao aire libre.
  • A capacidade permitida no interior de locais de hostalaría é do 50%, pero aumenta ao 75% nas terrazas. Ademais, poden usarse as barras dos bares, garantindo unha separación de 2 metros entre persoas. As mesas poden ter unha ocupación máxima de 20 persoas.
  • As discotecas e locais de ocio nocturno poden abrir cun máximo do 30% da súa capacidade. Non se pode utilizar a pista de baile.
  • Comercios: A capacidade permitida aumenta ao 50%, pero deben respectarse as quendas reservadas a persoas maiores de 65 anos. Poden abrir os centros e parques comerciais coa limitación do 40% de capacidade máxima.
  • Os mercados ao aire libre poden abrir coa metade dos postos habituais.
  • Pódense usar as piscinas recreativas ata o 30% da capacidade. Tamén pódese usar as zonas de baño nas praias

A Xunta de Galicia decidirá o momento de pasar da fase 3 á “nova normalidade”. 

Consulta neste PDF elaborado pola Xunta de Galicia unha lista máis completa de actividades que se poden realizar na fase 3. 

Tamén podes consultar a guía da fase 3 do Ministerio de Sanidade.



RELACIONADO