Volve o Concurso de Tapas da Pobra do Brollón

Volve o Concurso de Tapas da Pobra do Brollón

01 Decembro 2021/concello/Xeral

Este venres 3 de decembro volve o Concurso de Tapas da Pobra do Brollón, tras o parón do ano pasado a causa da pandemia. Na súa duodécima edición participan seis establecementos: tres bares na capitalidade (Bar Avenida, A Vella Taberna, Primeiro de Maio), dous en Salcedo (A Cantina de Julia, A Salanova) e mais O Fogón en Cereixa.

Como novidade deste ano, incorpórase un comité formado por tres profesionais da restauración: os cociñeiros Martín Mantilla e Diego Martínez e o empresario de hostalería Suso Pereiro. Co fin de garantir uns criterios de calidade, o comité cata as tapas de cada bar antes da súa presentación a concurso e asesora en posibles melloras. 

“Esta iniciativa marca unha liña para subir o nivel do noso concurso de tapas, que é un xeito de dinamizar e apoiar a hostalería guímara nestes tempos de pandemia,’ comenta o alcalde Xosé Lois Maceda. “Ademais, ao fomentar a participación da xente no concurso, queremos alentar a creación de comunidade e espazos de socialización, sempre respectando as medidas sanitarias, por suposto”.  

Durante unha semana, do 3 ao 10 de decembro, os establecementos ofrecerán a súa tapa a un prezo de 1,50€ para a súa degustación e valoración por parte dos consumidores. Son estes os que conforman o xurado popular que coas súas votacións elixen as mellores tapas para a entrega do primeiro, segundo e terceiro premio. 

Entre todos os que voten sortearase un agasallo que consistirá nun circuíto termal e unha noite para dúas persoas no Hotel Iberik Augas Santas de Ferreira de Pantón. 

Consulta neste enlace as bases do concurso.



RELACIONADO