O punto limpo móbil comeza o seu percorrido polas parroquias

O punto limpo móbil comeza o seu percorrido polas parroquias

03 Marzo 2020/concello/Xeral

A Pobra do Brollón ten un novo punto limpo móbil que xa está en circulación polas parroquias do concello co obxectivo de facilitar a reciclaxe e o depósito seguro de residuos. A iniciativa forma parte do programa municipal ‘Menos residuos, máis vida’, e realízase co apoio da Consellería de Medio Ambiente e do Feder. 

O punto limpo móbil está instalado dende onte luns 2 en Parada dos Montes e nas próximas semanas percorrerá diferentes parroquias do concello para uso dos veciños. 

O punto limpo móbil consiste nun remolque con compartimentos separados para depositar refugallos contaminantes tales como pilas, medicamentos, lámpadas e tubos fluorescentes, aerosois, aceite usado de cociña, envases baleiros de pinturas, tóners e cartuchos de impresora. Estes residuos posteriormente trasládanse ao punto limpo da Pobra para a súa reciclaxe e depósito seguro.

‘Nun concello como o noso, no que hai unha dispersión da poboación enorme, este punto limpo móbil é moi necesario para facilitarlle a reciclaxe aos veciños,’ comenta o concelleiro de medio ambiente Ricardo Rodicio. ‘Esta iniciativa, xunto a outras que temos en marcha, convértenos nun Concello referente na xestión sostible de residuos.’ 

O punto limpo móbil súmase a outras iniciativas xa implantadas polo goberno local en prol da redución da contaminación ambiental a causa dos residuos, como a compostaxe comunitaria ou a recollida domiciliaria de residuos voluminosos. 

O punto limpo móbil permanecerá en Parada dos Montes ata o mércores 4. De xoves a domingo estará en Salcedo. O luns da próxima semana trasladarase a Lamaigrexa e o venres 13 a Castroncelos.  

As próximas paradas anunciaranse con antelación. Todos os veciños reciben de antemán unha carta informativa na que se explica como usar o punto limpo móbil, e onde e cando estará na súa parroquia.


En cada parroquia, o remolque instálase nun punto fixo sinalizado como este en Ferreiros

 



RELACIONADO