O concello da Pobra do Brollón organiza un ciclo de andainas outonizas que se desenvolverán todos os domingos entre o 21 de outubro e o 2 de decembro. Os roteiros, pensados para un público familiar, foron propostos por veciños do concello que farán de anfitrións en cada xeira.
O Concello da Pobra do Brollón presenta un programa de andainas para este outono. As rutas incluirán lugares emblemáticos do concello, pero tamén se recollen propostas nas que se darán a coñecer recantos menos coñecidos do territorio guímaro.
Para a elaboración dos roteiros contouse coa colaboración da veciñanza, de modo que son veciños do concello que teñen especial relación cos diferentes territorios, os que servirán de anfritrións e guías das súas propostas. “Haberá roteiros máis paisaxísticos e outros con máis narrativa, son propostas persoais, polo que nesa diversidade está o encanto desta proposta” sinala Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón.
“Da man de...”
Todas as andainas comezarán ás 10.00 da mañá. Teñen unha lonxitude máxima de 10 km. e un prezo de 5 euros. Para participar en cada unha das propostas é necesaria inscrición previa no teléfono 666 435 832.
Segundo o alcalde, Xosé Lois Maceda, este programa de andainas é unha aposta firme polo talento local e pola diversidade. “Temos un territorio moi grande e con moita variedade de paisaxes, con estas andainas outonizas cada domingo coñeceremos unha realidade diferente do Concello. Teremos a visión poética de Olga Novo en Vilarmao ou a da Memoria histórica da man de Xurxo Ayán na ruta do Inverno de Eirexalva, o coñecemento forestal de Felipe Castro na Ruta da Castaña e o Mel, a cultura vinícola con Puri de Vilachá, a visión persoal de Hortensia no San Vitoiro e o apego ao territorio de Noelia”, apunta Xosé Lois Maceda.