O carbono 14 indica que os restos humanos de Os Conventos en Vilachá son do século X

O carbono 14 indica que os restos humanos de Os Conventos en Vilachá son do século X

03 Decembro 2019/concello/Xeral

Os ósos apareceron en maio nunha escavación arqueolóxica en Vilachá de Salvadur, no marco do proxecto Adegas da Memoria. O resultado da datación é moi interesante para comprender as orixes e evolución histórica da Ribeira Sacra. 

Os resultados da datación presentáronse o pasado venres 29 de novembro nun acto na Casa da Cultura da Pobra do Brollón, coas intervencións do alcalde Xosé Lois Maceda, o presidente da Asociación de Veciños de Vilachá, José Castiñeira, o director arqueolóxico Xurxo Ayán e o coordinador do proxecto Adegas da Memoria, Xosé Gago. 

A campaña arqueolóxica no lugar de Os Conventos, no Val do Frade (Vilachá de Salvadur) tivo lugar en maio deste ano no marco do proxecto Adegas da Memoria. A campaña foi financiada polo Concello da Pobra do Brollón e a Asociación de Veciños de Vilachá de Salvadur, coa participación da Universidade Nova de Lisboa e do Incipit-CSIC.


Presentación dos resultados da datación na Casa da Cultura. De esq. a der.: José Castiñeira, Xosé Gago, Xosé Lois Maceda e Xurxo Ayán

Unha campaña chea de sorpresas

O obxectivo da campaña era constatar a existencia dun primitivo mosteiro medieval relatado nunha lenda dos veciños de Vilachá e citado tamén na documentación medieval.

Na escavación, logo de constatar fases de ocupación e materiais arqueolóxicos medievais coincidentes cos séculos indicados nos documentos, cara ao final da campaña apareceu un estraño enterramento cun cranio e varios ósos longos, metidos nunha cista escavada na rocha e con evidencias de combustión.

“O enterramento non tiña aspecto medieval nin concordaba cun enterramento cristián,” comenta Xurxo Ayán, director da escavación e investigador do Instituto de Història Contempoânea da Universidade Nova de Lisboa.

Tras traballar con diversas hipóteses, as probas de C-14 realizadas no laboratorio Beta Analytics en Miami (EEUU) non ofrecen dúbidas: trátanse de restos do século X.

“O resultado é interesantísimo” prosegue Ayán, “xa que os restos pertencen ao período dos séculos escuros, dos que non temos moita información; unha época na que os ritos cristiáns eran diferentes aos de hoxe e estaban mesturados con outro tipo de elementos pagáns.”

Esta cronoloxía correspóndese co dos eremitorios, anteriores aos grandes mosteiros e regulados pola regra de San Fructuoso. “Estes restos teñen que ver co uso da ribeira como espazo simbólico. En Os Conventos seguramente temos unha secuencia na que un primitivo eremitorio dá paso ao mosteiro de San Martiño de Piñeira.”  En época cisterciense semella que constituíuse como unha granxa, unha unidade produtiva, consolidándose xa a ribeira como espazo económico.

Abrindo un camiño para a Ribeira Sacra da man da veciñanza

O achado resulta de gran valor para comprender as orixes e evolución da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, ademais polo que supón para a parroquia e os veciños de Vilachá.

“Vilachá, situado na periferia da Ribeira Sacra está a converterse no centro do coñecemento científico e histórico deste territorio” comenta Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón. “Isto é así grazas á implicación dos propios veciños da parroquia, involucrados no proxecto.” 

O coordinador de Adegas da Memoria e técnico de cultura e turismo do Concello, Xosé Gago, declarou que dende o proxecto estase a abrir un camiño nun momento crucial para a Ribeira Sacra. ‘Un camiño con base científica e contando coa implicación dos veciños e veciñas, que son os realmente fan a Ribeira Sacra co seu traballo e esforzo diario’.

Espérase levar a cabo unha nova campaña arqueolóxica en maio de 2020 para seguir afondando en Os Conventos – no que xa hai indicios de máis enterramentos – e por tanto, na historia da Ribeira Sacra. 



RELACIONADO