Este venres comeza na Pobra do Brollón a edición XIII do Concurso de Tapas da Guimaralia. Ata o día 9 poderanse probar as propostas dos oito bares participantes, repartidos por todo o municipio.
Catro locais participan na propia Pobra do Brollón – Avenida, A Vella Taberna, O Primeiro de Maio e O Pirata; dous en Salcedo, A Salanova e A Cantina de Julia; O Fogón en Cereixa e o bar E Logo! na Estación.
Como novidade deste ano, as tapas deben levar ao menos un ingrediente dalgún produtor local do municipio da Pobra do Brollón, ingrediente que debe ir explicitado no nome do pincho.
As propostas foron catadas previamente por dous cociñeiros profesionais co afán de asesorar e perfilar a tapa final. Esta cata previa foi unha innovación da edición do ano pasado, e que agora se repite xa que axuda a manter uns estándares e a garantir o cumprimento das condicións.
Os catadores – os cociñeiros Diego Martínez e Tamara Rodríguez – xa deron o visto bo ás tapas deste ano e consideran que vai estar moi difícil elixir gañador nesta edición pola gran calidade de todas as propostas.
A elección do primeiro, segundo e terceiro premio será, coma sempre, por votación popular. Cada votante debe elixir a súa tapa favorita nunha tarxeta de voto debidamente selada por todos os bares participantes. Os participantes entrarán nun sorteo dunha noite con circuíto termal no Hotel Iberik Augas Santas de Ferreira de Pantón.
As tapas do concurso teñen un prezo único de 1,50€. Pódense probar do 2 ao 9 de decembro en horario de 12:00 a 14:00 e de 19:00 a 22:00 horas.