Cerca de 50 nenos e nenas beneficiáronse das actividades de conciliación de ‘a Guimaralia máis Corresponsable’

Cerca de 50 nenos e nenas beneficiáronse das actividades de conciliación de ‘a Guimaralia máis Corresponsable’

24 Setembro 2024/concello/Xeral

Remata o programa ‘a Guimaralia máis Corresponsable’ posto en marcha polo Concello da Pobra do Brollón dende maio ata setembro. Trátase dunha ampla oferta de actividades da que se beneficiaron cerca de 50 nenas e nenos ata 16 anos, ben empadroados na Pobra do Brollón ou con familia directa no Concello.

O programa está concibido para facilitar a conciliación familiar e laboral, promovendo a igualdade e a corresponsabilidade entre homes e mulleres. Está financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade no marco do Plan Corresponsables.

As actividades ofrecéronse todos os días da semana, cun servizo de conciliación dende as 8:00 da mañá ata as 22:30 da noite. Contratouse a once monitores para poder atender o servizo, oito deles a xornada completa.

Entre as actividades ofertadas, incluíronse apoio socioeducativo, fomento da lectura, actividades deportivas e artísticas. Un obradoiro de monicreques, creacións con globos, manualidades con elementos naturais, un obradoiro de DJ ou un taller de pintura de dedos foron algunhas das propostas no eido artístico ás que podían optar os e as participantes.

No ámbito deportivo, organizáronse xincanas e xogos de todo tipo, ademais de formar un pequeno equipo mixto de fútbol sala que participou en varios torneos da Pobra e comarca. Tamén se organizaron puntualmente excursións, como unha saída ao Club Fluvial de Monforte.

‘Con este programa dende o Concello da Pobra do Brollón incidimos no noso compromiso coa igualdade e a corresponsabilidade, na liña do noso Plan de Igualdade que temos en marcha dende 2023,’ declara a concelleira Noelia Besteiro.

‘Estamos moi satisfeitas co resultado do programa, xa que non só reforzamos aspectos socioeducativos das crianzas, senón tamén facilitamos que as familias teñan máis recursos para conciliar a vida persoal, familiar e laboral. Especialmente as mulleres, que desgraciadamente son as que adoitan cargar con máis responsabilidades nos coidados das crianzas,’ engade Besteiro.



RELACIONADO