A Pobra do Brollón celebrará o sábado 7 de decembro a IX edición dos Cantos de Taberna. Xa está aberto o prazo de inscrición para os grupos interesados en participar nesta popular cita anual nos bares guímaros.
Os grupos recibirán un agasallo pola participación, ademais dun convite para a Feira do Viño de Vilachá, que se celebra en maio. A única condición para anotarse é ter un repertorio de música popular ou tradicional en galego, estar constituído por un máximo de 10 persoas, e seguir o itinerario de bares marcado pola organización.
O Concello da Pobra do Brollón foi pioneiro en organizar os Cantos de Taberna hai xa nove anos. Actualmente é un evento festivo de referencia na ponte de decembro para celebrar a cultura popular, cunha gran participación de músicos e público. Na última edición participaron quince grupos vidos de toda Galicia que cantaron e tocaron ata a madrugada.
Os grupos interesados teñen ata o 4 de decembro para anotarse, ben no enderezo biblioteca@concellodapobradobrollon.gal, ben por teléfono no 982430546.