Visitas guiadas de verán no Concello da Pobra do Brollón

Visitas guiadas de verán no Concello da Pobra do Brollón

10 Xullo 2019/concello/Xeral

O Concello da Pobra do Brollón organiza visitas guiadas este verán (ata o 31 de agosto) a algúns dos principais recursos turísticos do Municipio: Castro de San Lourenzo, Adegas de Vilachá e Cova das Choias. 

As citas no Castro de San Lourenzo permiten coñecer un castro mineiro de 2.000 anos reocupado en época medieval. Esta proposta propón descubrir da man dos veciños o pasado e o presente deste lugar. As visitas, dunha hora de duración, son de balde e terán lugar os martes e xoves ás 17.00 e os mércores e venres ás 11.00.

Para as Adegas de Vilachá cóntase con duas propostas: a primeira céntrase nas adegas tradicionais de Vilachá. Estas visitas duran unha hora e teñen lugar os martes e xoves ás 11.00 e os mércores e venres ás 17.00. Na outra proposta ofrécese unha versión extendida de 2 horas, que inclúe as adegas tradicionais e un paseo ata o Miradoiro da Capela. As citas serán os sábados e domingos ás 12.00 da mañá. Ambas propostas teñen un custe de 3€ que inclúe cata de viños de adegueiros locais. 

As visitas á Cova das Choias faranse os sábados e domingos ás 17.00. Nesta actividade de balde, cunha hora de duración, visitarase esta cova que conta con musgo luminiscente e unha importante colonia de morcegos. Grupos de 10 persoas máximo. 

Estas actividades desenvolveranse entre o 15 de xullo e o 31 de agosto con grupos mínimos de 5 persoas. Para participar é necesario inscribirse por whatsapp no teléfono 650 624 828.

Con estas propostas desde o Concello continúase coa estratexia turística baseada en proxectos comunitarios, como apunta o Alcalde, Xosé Lois Maceda, “O noso modelo turístico baséase na xente, nos veciños dos diferentes lugares. Na programación deste ano Vilachá ten moita presenza despois do éxito de Adegas da Memoria e o marco de candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.”



RELACIONADO