A Auga do Mollón para conectar historias na Pobra do Brollón

A Auga do Mollón para conectar historias na Pobra do Brollón

17 Xaneiro 2019/concello/Xeral

A revista municipal A Auga do Mollón presentábase na tarde deste mércores contando coa participación dos colaboradores na iniciativa nun acto de posta en valor da identidade propia.

A Auga do Mollón nace, no seu primeiro número, cunha tirada de 1.000 exemplares e unha periodicidade semestral.  Ao longo dunha trintena de páxinas recolle unha ampla editorial do porque desta iniciativa e do seu nome; hai dúas entrevistas que reflexan os dous perfís da Pobra, o tradicional a través da conversa con Maruxa do restaurante As Viñas que repasa 40 anos da Pobra do Brollón, e a actual e moderna, en conversa con Álex e Martín do grupo musical Los Árboles.

Recóllense tamén dous poemas, de escritoras locais; un poema inédito de Olga Novosobre seu pai e un poema da poeta de Salcedo, Noa Moreira. Profundízase en iniciativas importantes no Concello, como a posta en marcha do albergue solidario, como punto de inflexión na xestión turística do concello, a compostaxe comunitaria como proxecto modélico na contorna, e todas as actividades turísticas e culturais desenvoltas no concello no verán e no outono. O arqueólogo, Xurxo Ayán, inicia aquí unha serie sobre mulleres guímaras, comezando coa súa tía Irene, “Consideramos que as mulleres son as que levantan este país chamado Guimaralia.”

Dúas colaboracións dos rapaces do colexio da Pobra do Brollón, que escriben sobre os brindos e os sequeiros, dous elementos identitarios do concello; e dúas chiscadelas sobre o achado de Atilano, un coloreable e a cantiga de cego composta por Suso 40, completan as páxinas da Auga do Mollón.

O título da revista alude a unha fonte nas proximidades do campo da feira na capitalidade municipal, “a auga do mollón, que alegra o corazón”. E nace co obxectivo de dar a coñecer os eventos máis importantes que se deron no municipio nos últimos meses, facelo como un repositorio calmado e darlle perdurabilidade en papel; ao tempo que se aglutina e pon en valor todo o talento que hai na Pobra do Brollón.

No acto de presentación no que houbo anécdotas, poesía, música, compañeirismo e vontade de ensalzar a identidade propia, o alcalde, Xosé Lois Maceda, destacou que era unha teima do equipo de goberno poder facer unha publicación destas características e agradeceu que o editor, Xosé Gago, dinamizador turístico-cultural do concello fose quen de dar forma a unha idea e facela posible. O rexedor local tamén se lembrou da Agrupación Cultural Samoeiro, “Vólvese a crear ese clima en canto a cultura, medio ambiente e patrimonio. Para nós é un motivo de alegría facer chegar o que somos aos nosos vecinos a través do papel.”

A publicación, que desde hoxe mesmo se comeza a repartir, progresivamente por todas as vivendas do municipio, está aberta á colaboración de todas as persoas interesadas, explicaba Xosé Gago; quen agradeceu a implicación de todos os colaboradores, “persoas que enriquecen a vida diaria da Pobra e esta publicación”.

 



RELACIONADO