'DÉIXATE GUIAR': VISITAS GUIADAS VERÁN 2024
Do 23 de xullo ao 31 de agosto 2024, ofrecemos un programa de 5 visitas guiadas en diferentes lugares do municipio da Pobra do Brollón. Consulta toda a información neste enlace.
Hai lugares nos que nos gusta perdernos, perdernos por vontade propia. Perdernos para atoparnos en camiños, en soutos, ao carón dun río. Iso acontece no concello da Pobra do Brollón.
O municipio da Pobra do Brollón está situado no sur da provincia de Lugo, pertence á comarca de Lemos e forma parte do territorio Ribeira Sacra, ademais limita co concello do Courel. Estas circunstancias xeográficas fan que nun mesmo termo municipal teñamos paisaxes moi variadas e multitude de opcións para disfrutar da natureza.
A Pobra do Brollón é tradición e natureza. Tradición a través dun pasado vinculado aos soutos, á montaña, á minería e á agricultura, e natureza porque agocha multitude de segredos en covas, bosques, ríos e ribeiras. Paraxes sen contaminar polo home que nos permiten unha sintonía absoluta coa natureza.
Os ríos Cabe, Saa, Lor e Sil enchen de vida este territorio, creando profundos vales cheos de vida. Mentres na zona de montaña, a realidade é outra, en aldeas como Parada dos Montes o tempo parece deterse, ou mesmo que volvesemos ao pasado. Parada é, sen dúbida, unha visita etnográfica inexcusable como aldea de montaña e, moi perto, en Salcedo, a etnografía vincúlase directamente coa tradición do entroido. O luns de entroido o oso sae ás rúas da aldea para amedrentrar a nov@s e maiores. Durante días @s veciñ@s celebran a festa con representacións teatrais e diversas actividades que congregan cada ano a máis visitantes.
A Pobra son numerosos castros, soutos e sequeiros, ademais dun pasado mineiro que crea paisaxes insólitas, aínda que a maioría están baixo terra.
Igrexas (Veiga e Ferreiros, románicas), capelas, muíños, pazos, casas grandes e pontes como a de Barxa de Lor rematan de dar cores a un cadro imprescindible para quen queira achegarse á autenticidade dun municipio único.
Para disfrutar de toda a riqueza da Pobra do Brollón podemos achegarnos aos miradoiros
-
Catro Cabaleiros situado en Pena Redonda, a máis de 1.200 m. de altitude. Neste punto únense os municipios de A Pobra, O Incio, Samos e O Courel. Cóntase que o nome lle vén dado porque antigamente os cabaleiros destes catro territorios xuntábanse neste punto para tratar da administración do territorio.
-
Os Pasos: situado perto da aldea de As Laceiras, desde el pode verse todo o souto de Paramedela, ademais do río Lor e da Serra do Courel.
-
A Capela: ofrece excelentes vistas das ribeiras do Sil e dos viñedos en socalcos.
-
San Vitoiro situado na cima dos acantilados, na parroquia de Saá. Desde el temos unhas amplas vistas, atópase xusto na parte superior desta área de esparcimento na que o 27 de Agosto se celebra unha tradicional romaría.
Consulta a nosa páxina de Sendeirismo para coñecer algunhas rutas na Pobra do Brollón.